
O Concello de Baiona solicitou unha reunión desde hai meses a Augas de Galicia para ter información do estado das obras de drenaxe nos camiños das Monxas e Pouquena, na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, sen obter reposta pola súa parte. Esta mesma tarde, o Concello de Baiona tivo coñecemento de que mañá está prevista unha visita ás obras por parte de representantes da Xunta de Galicia e Augas de Galicia. O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, lamenta “a deslealdade institucional da Xunta de Galicia”, xa que non está avisado ninguén do concello desta visita.
En concreto, representantes de Augas de Galicia e da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade visitarán as obras de drenaxe para minimizar os riscos de inundacións nos camiños das Monxas e Pouquena. O concello tivo coñecemento de que si está avisado para realizar a visita o candidato do PP á alcaldía. “Despois dos problemas que tivemos cos temporais nos últimos meses, polos que desde o Concello estivemos en contacto coa Consellería, é unha falta de respecto institucional que a Xunta veña a ver as obras e non avise nin ao alcalde nin ao goberno local”, considera Gómez Prado.
“Non podemos permitir este uso partidista dunha institución de todos os galegos como é a Xunta, cando eu mesmo asinei o convenio para a realización destas obras coa conselleira Ethel Vázquez, un proxecto importante para Sabarís”, engade o alcalde.