
Escudería Lalín-Deza, Escudería Ourense, Escudería Rías Baixas e o Siroco Narón convocan a primeira edición do “Trofeo Galicia Historic”, unha competición dirixida a vehículos históricos que puntuará nos catro rallyes de carácter nacional que se disputarán en Galicia na tempada 2023.
Desta forma o Rally do Cocido, o Rallye Ourense Recalvi, Rally Recalvi Rías Baixas e o Rally de Narón incluirán no seu programa unha nova fórmula competitiva á alza durante os últimos anos e que achegará unha dose de emoción extra ás probas.
A primeira edición do “Trofeo Galicia Historic” está dirixido a todos aqueles participantes que posúan a licenza tanto nacional expedida pola Real Federación Española de Automobilismo (RFEDEA), que permite competir no S-CER e o CERA, como a autonómica expedida pola Federación Galega de Automobilismo (FGA), que faría que disputasen o segundo rally.
Os vehículos deberán encadrarse dentro dos grupos H (CERA e S-CER) e X (FGA) e estarán divididos en tres categorías:
- Clase 1: Vehículos homologados de 1971 a 1980
- Clase 2: Vehículos homologados de 1981 a 1990
- Clase 3: Vehículos homologados de 1991 a 2000
Desta forma ábrese un abano de vehículos amplo e de diferentes épocas, que pelexarán pola vitoria absoluta, aínda que centrándose tamén nas distintas clases, que terán premios individuais.
Para a clasificación final do “Trofeo Galicia Historic” reteranse os catro resultados das probas disputadas e en caso de non celebrarse unha delas o total das mesmas.
O sistema de puntuación será o seguinte:
1. 20 puntos | 6. 10 puntos | 11. | 5 puntos |
2. 18 puntos | 7. 9 puntos | 12. | 4 puntos |
3. 16 puntos | 8. 8 puntos | 13. | 3 puntos |
4. 14 puntos | 9. 7 puntos | 14. | 2 puntos |
5. 12 puntos | 10. 6 puntos | 15 | 1 punto |
En canto aos premios por proba, establécense da seguinte forma: Premios por clase 1,2,3
- 500 € e 2 trofeos
- 250 € e 2 trofeos
- 150 € e 2 trofeos
Os pneumáticos serán de libre elección, tomando como referencia o indicado no artigo 21.5 do Regulamento deportivo do SCER ou o CERA e en canto á seguridade, será obrigatorio portar todos os elementos requiridos polo certame nacional, ademais de cumprir co Anexo J nos seus vehículos.