
Nos últimos tempos o territorio das comarcas do Baixo Miño e Val Miñor sofre unha constante ameaza de proxectos especulativos, seguindo un modelo colonialista, extractivista e de sobreexplotación dos recursos naturais no que só priman os beneficios económicos e sen unha mínima preocupación pola veciñanza e o medio natural: minería a ceo aberto, megaproxectos urbanísticos, campos de golf, cultivos intensivos ou polígonos eólicos son proxectos que poñen en perigo os nosos montes, a auga, a biodiversidade, o medio mariño, o patrimonio e a paisaxe.
“As asociacións e entidades que asinamos este manifesto somos conscientes da urxencia de aplicar medidas para frear o cambio climático, ao tempo que defendemos a implantación racional de enerxías renovables en base ás necesidades reais da sociedade. Sen embargo, disentimos do actual desenvolvemento das renovables na nosa Comunidade, reducida a territorio de sacrificio, e renegamos dun modelo baseado no espolio de recursos naturais nas mans de promotores privados, sen existir unha planificación racional nin a nivel autonómico nin estatal”, sinalan.
Destacan que a falta de ordenación territorial e unha política de curto prazo e corrupta dirixida a privatizar o común en función dos intereses de grandes grupos empresariais e fondos de inversión, están poñendo en xaque a aldeas e vilas e a aquelas entidades, colectivos e organizacións que xestionan e coidan dos bens e servizos comúns do territorio.
Comunidades de montes veciñais en man común, comunidades de augas, asociacións gandeiras e confrarías de pescadores son entidades autogobernadas cun carácter asembleario e democrático que desenvolven unha xestión racional e sostible das terras e recursos comunitarios indispensables para a vida. “Estes sistemas tradicionais de gobernación deben ser entendidos como un legado para as vindeiras xeracións, como a oportunidade e alternativa real ante o declive do modelo social e económico actual, nun contexto no que o sistema xa non alcanza nin garante certo nivel de benestar en determinados territorios, amosándose insostible. Este contexto obríganos a marcar unha estratexia e definir as prioridades para manter o noso territorio e o rural vivo”.
“A defensa do común, dos montes veciñais e a xestión comunitaria dos aproveitamentos debe erixirse como piar fundamental para manter a chama do rural en pé. A xestión comunitaria dos recursos naturais apoiada no uso de prácticas tradicionais e o coñecemento e participación directa sobre o territorio, xera un manexo e un uso sostible dos mesmos. Valorización e defensa do patrimonio natural e cultural. A xestión comunitaria deberá priorizar a sostibilidade dos valores naturais e culturais da nosa contorna e garantir o sistema socio-ecolóxico existente. Colocar a vida no centro, construír e deseñar plans e estratexias de xeito comunitario cos que se priorice e garanta o coidado dos bens e servizos que manteñan a calidade de vida e o benestar das persoas, mediante unha xestión prudente do territorio, evitando accións que deterioren e causen un dano irreversible. No caso contrario deixaremos un futuro desfigurado”, conclúen.
· ASINANTES MANIFESTO TURONIO ·
- C.M.V.M.C. de Baíña (Baiona)
- C.M.V.M.C. de Santa María de Oia (Oia)
- C.M.V.M.C. de Viladesuso (Oia)
- Traída de augas de Viladesuso (Oia)
- Comunidade de augas de Fontes (Baiona)
- C.M.V.M.C. de Baredo (Baiona)
- C.M.V.M.C. de Santa Cristina da Ramallosa (Baiona)
- ANABAM
- C.M.V.M.C. de Goián (Tomiño)
- Comunidade de usuarios de auga de Goián (Tomiño)
- C.M.M. Foral da Groba – A Granxa, Belesar (Baiona)
- C.V. de augas de A Granxa, Belesar (Baiona)
- C.M.V.M.C. do Rosal
- A Jalleira
- SOS GROBA
- Instituto de Estudos Miñoráns