
O Concello de Gondomar, a través de fondos europeos, instalou placas fotovoltaicas na cuberta do Centro Neural, o que supoñerá un aforro de consumo do 90%. O investimento total foi de case 50.000 euros dos que o 60% foron financiados pola administración europea e o 40% por fondos propios do Concello de Gondomar.
A superficie xeradora de electricidade de preto de 200m2 e unha potencia de 34KWp poderá xerar aproximadamente 47.000Kw cada ano, o que reducirá as emisións anuais de CO2 en 22 toneladas e subministrará enerxía limpa e gratuíta ao propio Centro Neural, Xefatura da Policía Local, dando subministro tamén ao Complexo Deportivo de As Cercas e á electroliñeira situada no aparcadoiro.
A enerxía xerada sobrante poderá ser incorporada á rede xeral co que a amortización do investimento efectuado se producirá nun período estimado de menos de 5 anos, e o que é máis importante, se reducirán dun xeito moi importante as emisións de gases de efecto invernadoiro.
O alcalde, Paco Ferreira, destacou que “Gondomar ten unha aposta moi clara e decidida polas enerxías renovables e polo coidado do medio ambiente, e proba diso é a recente posta en funcionamento dunha electroliñeira, a substitución de lámpadas convencionais por outras de tipo led que estamos a levar a cabo en todo o noso municipio, a instalación de caldeiras de biomasa, ou coma neste caso facendo que un edificio e unha instalación deportiva municipais se alimenten con enerxía limpa”.