Nigrán congratúlase de que Biblioteca Municipal teña sido seleccionada como finalista aos Premios COAG

O Concello de Nigrán congratúlase de que a nova Biblioteca Municipal teña sido seleccionada como finalista na XX edición dos Premios COAG de Arquitectura de Galicia entre 224 propostas presentadas. O Colexio de Arquitectos de Galicia escolleu esta obra do estudo vigués Gándara#Pons, recente finalista tamén no concurso de ideas para a nova delegación territorial da Xunta en Ourense, na categoría “Edificios de nova planta” xunto ao campo de fútbol de Ponte Sampaio. Esta mesma construción, aberta ao público en novembro, resultara gañadora o ano pasado do premio ibérico Technal 2022 presidido no Xurado por Carme Pinós, Premio Nacional de Arquitectura 2021.

“Trátase dun edificio icónico xa en Nigrán que nos sitúa no mapa da mellor arquitectura moderna de todo o país; sentímonos orgullosos da nosa Biblioteca porque combina beleza e harmonía cunha total confortabilidade para o usuario”, subliña o alcalde, Juan González, quen engade que o edificio é un lugar ao que acude moita xente ex-profeso só para coñecelo in-situ.

“O simple feito de ter sido seleccionados é un logro para nós, que somos un estudo moi pequeno. Temos que dicir que estamos moi agradecidos ao Concello de Nigrán porque neste proxecto tivemos a sorte de dispor dunha absoluta liberdade creativa”, indican Lucas Gándara e Juan Pons, a quen o Concello encargou tamén o proxecto de remodelación da praza adxacente á biblioteca.

O edificio ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (á beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco). O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende o andar baixo como desde o primeiro, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Desde o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada polo andar baixo.

Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior. A cuberta está deseñada como unha terraza onde poder desenvolver actos.

O mobiliario elixido estivo supervisado polos seus arquitectos e destaca por ser de liñas puras e deseño atemporal, en tons neutros e fabricado en materiais de alta calidade que lle outorgan resistencia e durabilidade. “Cada moble foi elixido atendendo á singularidade do espazo e función que vai ocupar porque se quixo dar unha imaxe unitaria e homoxénea que respectase a singularidade do edificio”, explican desde a adxudicataria Sutega, empresa galega responsable de proxectos similares como o amoblamento da Biblioteca Municipal Princesa Doña Leonor (Boadilla del Monte), a Biblioteca Municipal Los Corrales de Buelna (Cantabria) ou o Arquivo Histórico de Ourense e, xa na comarca, das novas oficinas da Zona Franca de Vigo. “Evidentemente as necesidades de mobiliario, equipamento informático etc se multiplicaron porque contamos con novos servizos e máis capacidade, con esa premisa se construíu este edificio”, engade o rexedor sobre a dotación do lugar, no que se investiron 169.158 €.