
Este martes foi presentado oficialmente en Galicia o Mundial de J80 de 2023, que se celebrará do 18 ao 24 de setembro en Baiona baixo a organización do Monte Real Club de Yates.
O que será o evento náutico do ano na comunidade galega reunirá nas Rías Baixas a 80 veleiros chegados dos 5 continentes, nos que durante toda unha semana navegarán e mediranse os mellores regatistas do mundo a bordo destes monotipos de 8 metros.
A armada española de J80 será unha das que maior e máis destacada presenza terá no evento, xa que se espera que participen un gran número de unidades baixo bandeira patria e porque, entre elas, veremos ademais a algúns dos deportistas máis laureados da clase.
Catro campións do mundo de J80 xa confirmaron que estarán a competir en Baiona co obxectivo de tratar de revalidar título. Entre eles, o canario Rayco Tabares (Arrecife, 1984), que posúe no seu haber nin máis nin menos que cinco mundiais (Santander, 2009; Kiel, 2015; Sotogrande, 2016; Hamble, 2017; Lles Sabres d’Olonne, 2018) dunha clase tan competitiva e rifada como é a de J80.
Precisamente esa competitividade, tanto a nivel nacional como internacional, é un dos aspectos que destacarán, en opinión de Tabares, no mundial de Baiona porque “o nivel dos J80 foi crecendo co paso dos anos e agora mesmo estase competindo con gran mestría por todo o mundo”, asegura. Cre o canario que o de Galicia será un escenario complicado para colgarse os loureiros, pero afirma que “será todo un luxo navegar nun lugar tan especial e cunha cultura mariñeira tan arraigada”.
Outro dos patróns para ter en conta, con dous mundiais no seu peto (La Trinité, 2007; Newport, 2010), é o santanderino José María “Pichu” Torcida, que volverá a Baiona apenas un ano despois de recibir na vila mariñeira galega o seu terceiro Premio Nacional de Vela como mellor regatista do ano. “A miña intención é estar o máis arriba posible da clasificación. Non vai ser fácil porque estou seguro de que o nivel será moi alto. Haberá moito talento na auga e o campo de Cíes non é un campo sinxelo. Pero esa emoción tamén é o que nos gusta aos regatistas e teremos que facerlle fronte. A ver tamén como se porta setembro, que adoita ser época de pouco vento”, declarou Torcida.
O seu compañeiro do Real Club Marítimo de Santander, Ignacio Camino, tamén con dobrete nas citas mundialistas (Kiel, 2008; Copenhague, 2011), sinalaba as opcións que poden ter os equipos galegos de obter un gran resultado no Mundial. “Creo que os locais o van a poder facer moi ben polo coñecemento que teñen do campo de regatas, que é un campo complicado. Nós imos a por todas pero será, sen dúbida, un mundial moi aberto”.
O cuarto campión do mundo que manifestou o seu desexo de levar o título mundialista que se poñerá en xogo en Baiona é o tamén cántabro Pablo Santurde, que en 2019 fíxose co mundial disputado en Getxo en 2019.
E é así como, antes mesmo de abrir o prazo de inscrición (ábrese hoxe mesmo), o J80 World Championship Baiona 2023 xa conta, entre os seus aspirantes ao título, con algúns dos nomes máis destacados dunha clase en auxe en todo o mundo.
“Será un auténtico luxo poder ver navegar nas nosas augas aos mellores equipos nacionais e internacionais -dixo o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez- e encantaranos poder ensinarlles o potencial das nosas rías para este tipo de competicións. Será, sen dúbida, unha cita moi emocionante pola calidade dos participantes e de gran beleza polo escenario no que se disputarán as probas”.
Foron as palabras do máximo directivo do MRCYB na presentación do evento este martes no club baionés, na que compartiu escenario co vicepresidente da Xunta de Galicia, Diego Calvo; o deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; o comodoro do MRCYB, Ignacio Sánchez Otaegui; o vogal da clase J80 en España, Guillermo Blanco; e o actual campión de España de J80, Juan Carlos Ameneiro.
Todos coincidiron en destacar a importancia que terá para Galicia a celebración desta cita tan prestixiosa, que poñerá o foco do mundo da vela en Baiona, convertendo a esta pequena vila mariñeira no epicentro da actualidade náutica, impulsando a súa economía e desestacionalizando o seu turismo, ao mesmo tempo que se lle dá un gran impulso internacional.
Tras o seu paso por Dinamarca (2021) e Estados Unidos (2022), esta será a primeira vez que o campionato do mundo da clase recale en Galicia, unha comunidade que leva anos apostando por estes monotipos, cunha das frotas máis importantes de España. Farao, ademais, da man do histórico Monte Real Club de Yates, que tras lograr traer as prestixiosas 52 SUPER SERIES o ano pasado ás Rías Baixas, ten xa todo listo para recibir este ano o Mundial de J80, á vez que prepara outra gran cita que acaba de pechar para 2024.
O MUNDIAL: UNHA SEMANA DE EVENTOS E 5 DÍAS DE COMPETICIÓN AO MÁXIMO NIVEL
Do 18 ao 24 de setembro Baiona será o lugar de encontro para preto de 500 deportistas e técnicos que chegarán, moitos deles acompañados polas súas familias, á vila mariñeira galega, converténdoa nun fervedoiro de linguas e culturas unidas polo amor ao deporte da vela.
Unha semana de eventos organizados baixo o paraugas do Monte Real Club de Yates que incluirán cinco días de competición ao máximo nivel. As regatas puntuables disputaranse do 20 ao 24 de setembro e os días previos reservaranse para o rexistro das tripulacións, a montaxe dos barcos, o control dos equipamentos e outras cuestións relacionadas coa normativa da competición.
Celebraranse, tamén, varias probas de adestramento para que a frota poida tomar contacto co campo de regatas e o martes 19, ás oito da tarde, todos os equipos reuniranse para participar na cerimonia de apertura do evento. Almorzos, grelladas, concertos, pantallas xigantes e un village nos xardíns do Monte Real protagonizarán a parte máis ociosa dun evento que se prolongará ata o 24 de setembro ás sete da tarde, cando se entregarán os trofeos aos gañadores.
A clasificación final sairá dun programa deportivo no que están previstas un total de 15 probas divididas en 3 mangas por xornada, aínda que se abre a posibilidade para navegar unha proba máis cada día a condición de que o comité de regata así o decida e xestione. A partir da sexta proba disputada, as tripulacións poderán descartar o seu peor resultado.
Dependendo do número de barcos que participen na competición poderíanse poñer en xogo dúas fases diferenciadas, unha primeira quenda de regatas previas os tres primeiros días de competición, e unha fase final nas dúas últimas xornadas. Será unha cuestión que se decidirá os días antes de que dea inicio o campionato, do mesmo xeito que a localización do campo de regatas, para o que a preferencia son as illas Cíes; e o modelo de percorridos, que poderían ser barlovento-sotavento ou trapezoidais, usando en ambos as balizas inflables para marcar os pasos obrigados.
Os J80 competirán en tempo real en trazados curtos e intensos, polo que se esperan probas emocionantes para todas as categorías en liza, que poderían ser ata catro: unha xeral, unha mixta (cun mínimo do 40 por cento da tripulación de distinto sexo), unha xuvenil (para equipos con tripulantes menores de 25 anos) e unha corinthian.
Na auga, entre 4 e 6 equipos de jurys, tanto nacionais como internacionais, encargaranse de vixiar que os equipos cumpren todas as normas. En terra haberá unha área especial para a medición e subida-baixada de barcos e outra zona na que se medirán as velas.
Aínda relacionado coa organización do evento, destacar que o Monte Real Club de Yates puxo ao dispor de equipos de ultramar 4 embarcacións para poder alugar e participar no evento, para as cales xa recibiu peticións desde Indonesia, Canadá e os Estados Unidos. O club está a tratar de conseguir, ademais, máis barcos para alugar a tripulacións doutros países que queiran participar; e puxo en marcha tamén as xestións oportunas para facilitarlle aos participantes, a través de cargueiros, o traslado de embarcacións desde diferentes puntos de Europa.