Carnavales de Mañufe gaña o concurso de comparsas de Nigrán con “Pouco Corrente”

O Concello de Nigrán celebrou este venres o seu tradicional concurso de comparsas co percorrido tradicional por Rosalía de Castro desde a rúa Telleira á Casa do concello, onde estaba situado o xurado, composto polas concelleiras Mariluz Pérez e Bibiana Peixoto, Loy Rodríguez, da Comisión de Festas de Panxón, Nuria Mendes, Instrutora de Zumba, e Ricardo Gil, presidente da Asociación Cultural O Torreiro de Priegue.

14 agrupacións de toda a comarca con 964 persoas en total, desfilaron acompañadas como é habitual pola batucada de Bate no Cobre, que tamén amenizou ao numeroso público durante a deliberación do xurado, que tivo en conta para a concesión dos galardóns a orixinalidade, o vestiario, a actuación e o número de participantes de cada comparsa. O evento estivo presentado polo coñecido actor e monologuista Sergio Pazos.

O primeiro premio, de 700 euros, foi para “Pouco Corrente” da Asociación Carnavales de Mañufe, con 217 puntos. “O Mundo Máxico” da Asociación “Os da Casa” de San Andrés de Comesaña levou o segundo premio, de 600 euros, con 199 puntos. O terceiro premio, de 500 euros, foi para “Mos, Pueblo Paleta” da Asociación de Veciños Nosa Terra de Pereiras, con 196 puntos. Luces de Tomiño logrou o cuarto premio, de 400 euros, con 194 puntos para a comparsa “Fantasía do Zodíaco”. En quinto posto, cun premio de 300 euros, “Talismán na beira do Miño” da Asociación Cultural Talismán de Salceda de Caselas, con 193 puntos. Finalmente, o sexto premio, de 250 euros, levouno “Xeada en Parada” do Centro Cultural Parada do Miñor, con 187 puntos.

As seguintes comparsas participantes recibiron 100 euros. “O Valhalla pode esperar” da Asociación Politicamente Incorrectos de Gondomar (179 puntos); “A maxia do cinema” de O Millor de Cada Casa de Vincios (175 puntos); “Carrusel” de Revolución Show (172 puntos); “Rock in Baíña” da Asociación Centro Cultural de Baíña (171 puntos); “Valla-Space” do Centro Cultural de Valladares (170 puntos); “Homenaxe a Grease” da Asociación Paradela de Gondomar (170 puntos); “Moulin Rouge” de LDanzia de Gondomar (162 puntos); e “Grease” do Centro Cultural A Merced de Chaín (154 puntos).

O entroido nigranés finalizará a tarde do sábado 4 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a serán. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo a fama na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.