O Vigo-Rías Baixas afronta o primeiro asalto da Copa de España en Don Benito

O certame máis prestixioso do ciclismo Elite-Sub23 estatal arranca este domingo co Vigo-Rías Baixas formando parte da nómina de doce equipos que teñen asegurada a súa presenza nas once probas do calendario. Por novena tempada consecutiva a estrutura presidida por José Luis Chamorro marcouse a Copa de España como un dos grandes desafíos do seu calendario. O Circuíto Guadiana, carreira que o conxunto flúor adxudicouse en 2020, pon en xogo as primeiras camisolas de líderes na localidade pacense de Don Benito.

A escuadra olívica acode a terras estremeñas coa ambición por bandeira. Os novos responsables deportivos do proxecto, Jesús Blanco Villar e Djamel Avendaño, confeccionaron un “sete” que combina a experiencia de Asier González, un dos referentes do equipo nas últimas tempadas, e de Miquel Valls, fichaxe procedente de campo profesional, coa ilusión de cinco novos talentos que se incorporaron durante os últimos meses ás filas do Vigo-Rías Baixas: Joan Cadena, Bernat Tarrés, Sergio Quevedo, Alejandro del Cid e Jordi Artigues.

A pasada fin de semana serviu para afinar a posta a punto dos ciclistas flúor competindo simultaneamente en dous puntos da península ibérica. En Colindres (Cantabria), o balear Miquel Valls e o burgalés Asier González colleitaron tres postos de top-10 no Memorial Jesús Pereda e no Memorial Juan Manuel Santiesteban. Tamén completou con boas sensacións Alejandro del Cid o test do Memorial Manuel Sanroma en Almagro (Ciudad Real), onde na segunda e última xornada o abulense estivo entre a trintena de ciclistas que se disputaron o triunfo parcial ao sprint.

Este domingo o Circuíto Guadiana alcanzará a súa 57ª edición manténdose fiel ao percorrido dos últimos anos. Nos seus 171 quilómetros, con saída e chegada en Don Benito, os compoñentes do pelotón da Copa de España deberán superar en catro ocasións a ascensión a Magacela. Este “muro”, de pouco máis de 1 km, presenta unha pendente media do 11% e os ciclistas ascenderano por última vez a un 15 km da liña de meta.

As once citas do certame coordinado pola Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) concéntranse nun período inferior aos tres meses. Esta competición está reservada a ciclistas menores de 25 anos e transitará por oito comunidades autónomas O seu calendario, por segundo ano consecutivo, concluirá o 21 de maio coa terceira edición da Vigo Copa de España.