
O Partido Popular de Baiona asegura que o goberno local tiña facturas de 2022 gardadas por valor de 980.000 euros “e non podía pagalas porque non tiña diñeiro”. “A política de malgasto do rexedor e do seu equipo esgotou as partidas económicas dos orzamentos do ano pasado, pero continuaron contratando aínda sabendo que os provedores tardarían en cobrar varios meses. Agora, co novo orzamento para 2023, o tripartito non tivo máis remedio que sacalas á luz para poder abonalas e, por este motivo, levaron ao último pleno de febreiro seis Recoñecementos Extraxudiciais de Crédito (REC) con facturas do ano pasado por valor de 980.000 euros co informe en contra de Intervención. Case un millón de euros en gastos extra á conta dos veciños e das pequenas e medianas empresas de Baiona e de toda a comarca do Val Miñor que fixeron os seus traballos e que tardaron meses en cobrar a pesar de rexistrar as facturas correctamente no seu momento”.
Para os populares, esta forma de gobernar do alcalde, “con orzamentos que non son realistas e priorizando naquilo que non é necesario”, disparou o período medio de pago aos provedores sendo o último trimestre o máis alto de toda a lexislatura. Os populares advirten de que se non se pon freo e a situación agrávase haberá provedores que non queiran contratar co Concello de Baiona por medo a estar meses sen cobrar. Ademais deste case millón de euros, o tripartito aínda ten por recoñecer e abonar máis de 300.000 euros de facturas do ano pasado.