O fútbol americano “sen contacto” duplica adeptos en Baiona

Antes da pandemia foron pioneiros nunha modalidade pouco coñecida e tres anos despois da súa fundación, os “Baiona Conquerors” celebraron ao fin o pasado domingo nas instalacións deportivas do Aral o seu primeiro “Torneo Sénior de Flag Football”, ou fútbol bandeira. Unha modalidade “suavizada” do fútbol americano que carece de placaxes. No seu lugar os cinco compoñentes de cada equipo loitan por arrebatarlles as bandeiras que cada un leva colgadas a ambos os dous lados do seu cinto combinando xogadas defensivas con ataque. Aínda que foi un evento de tipo amigable contou coa mellor agrupación da modalidade do país luso, os “Hammer Academy” do Porto, ademais dos composteláns “Black-Ravens” e os “Canteiros de Pontevedra”.

Dous anos e medio despois da súa creación, o baionés Álvaro Bautista segue á fronte dos “Conq’s” como presidente, e que este ano se sitúan como os únicos de Galicia en estrear categoría Xuvenil. Polo momento os rapaces de entre 12 e 16 anos participan en competicións internas, pero a intención é dar o salto para verllas con equipos de comunidades como Estremadura ou Asturias. Así mesmo, tamén debutarán dentro da modalidade “Tackel” ou “fútbol de verdade” como indica Bautista grazas a lograr os apoios necesarios para adquirir equipamento. Cabe destacar que desde agosto de 2021 lograron duplicar as súas fichas pasando de 15 a 30 e todo apunta a que haberá deporte para longo.

Esta variación dun dos deportes predominantes en Estados Unidos pode soar “fácil”, pero nada máis lonxe da realidade debido a que require grandes doses de potencia e axilidade para manter a salvo os estandartes do contrario. “A principal vantaxe desta práctica é que non require un gran equipamento como cascos, corazas ou espinilleiras para practicalo”, explica Bautista. Ademais, outro punto ao seu favor é que os xogadores non acaban literalmente “mazados” ao remate de cada partido.