A absorción de carbono en Vincios, un proxecto emerxente

Os proxectos de absorción de carbono ou sumidoiros tenden a relacionarse coa absorción de CO2 que as masas forestais transforman en osíxeno durante o proceso de fotosíntese. Con todo, é un concepto que vai moito máis alá, na práctica os seus troncos e raíces funcionan como auténticos almacéns de carbono e os montes de Vincios nesta materia son pioneiros contando cun total de 7 áreas rexistradas no Ministerio de Transición Ecolóxica.

Esta actividade funciona como un complemento económico que contribúe directamente ao monte, permitindo á súa vez que moitas empresas compensen as súas emisións se non son capaces de chegar aos seus obxectivos de redución adquirindo este gas por toneladas. A “transacción”, se se pode denominar así, non é que lles resulte moi rendible posto que o seu mantemento conleva moito traballo de fondo, pero axuda a estreitar lazos con entidades locais, que a través de pequenas achegas económicas contribúen á contorna mentres a Comunidade de Montes achega o seu gran de area a frear o quecemento global. Deste xeito, cando unha empresa está interesada en adquirir carbono negocia cun contrato privado coa entidade que fixa un prezo de venda. O carbono de Vincios vai dirixido ao mercado voluntario, posto que o obrigatorio goza de prezo preestablecido ata o punto que cotiza en bolsa. Evega, a estación de viticultura e enoloxía de Galicia, leva tres anos adquirindo emisións aos comuneiros miñoranos, por suposto en pequenas cantidades. A súa filosofía inclínase por este tipo de modelo para establecer un vínculo máis a longo prazo para chegar a un grupo de sociedade máis amplo. “Poderiamos vender todas as reservas a unha gran empresa como DHL pero ese non é o noso fin”, explica Jose Taboada, un dos coordinadores.

Trátase pois de zonas peculiares e que van en aumento. Figuran no Rexistro de Pegada de Carbono, Compensación e Proxectos de Absorción do Ministerio e para poder darse de alta na súa listaxe teñen que darse dúas premisas. A primeira, que veña motivada a partir dun cambio de uso do chan; e a segunda, que se dean por factores externos como os incendios. Sobre esta segunda casuística vertebra a iniciativa enmarcada dentro do proxecto “Vincios Verde”. En 2017 e co 80% do chan arrasado polas chamas puxeron sobre a mesa unha serie de iniciativas e esta é unha das máis singulares. A entidade gondomareña conta co maior número de proxectos de absorción. Na actualidade dispoñen de 4.000 toneladas do gas que poderán vender a un prazo 30-50 anos vista. Para facer esta estimación o Ministerio serve de modelos ou estacións de plantación similares e con especies determinadas. Con todo, son obxecto de auditorías quinquenais para comprobar e o cálculo estimatorio correspóndese coa realidade. Durante este tempo só poden utilizar un 20% do total, no momento das probas se evidencian unha produción menor limítanlles a cota, pero se é maior poden desfacerse do sobrante.

Os proxectos de absorción distribúense por diferentes puntos da cordilleira, algún deles lugares como Piñeiro dos Pereirales con 15 Ha, Souto dos Foros da Raís con 4, Piñeiro das Devesas Vellas con 10, Bosque dos Nenos con 8, Auga da Laxe con 6 ou tamén en Piñeiros de Santa Lucía, entre outros. A superficie total rexistrada ascende a 65 hectáreas con diferentes densidades de plantación e sumando unha media de 50.000 árbores entre coníferas (Pinus Pinaster) e frondosas (Castanea Híbrida). Nestes momentos traballan na implantación doutros 65.000 metros máis con 900 castiñeiros e a curto prazo teñen a intención de chegar a nove unidades. Polo momento están reforestando, en canto rematen esta nova zona moi próxima ao merendeiro, que pasase a chamarse “Castiñeiros dos Pereirales”, darana de alta no Ministerio. Contan con que terán todo a punto dentro de tres meses. A iniciativa que están a levar a cabo con exemplares micorrizados de “castanea hídrida” é posible grazas ao acordo pactado coa empresa asentada en Pontevedra Hifas Foresta, que lles permite facerse con unidades de certa entidade ou tamaño a prezo razoable que plantan nun marco de 8×8 metros. O obxectivo aquí tamén cumpre un papel protector en caso de incendio, funcionando con franxas verdes a ambas as dúas marxes da pista. Actualmente, traballan dous membros da comunidade de montes e media ducia de traballadores dunha empresa contratada, que plantan manualmente todas e cada unha das árbores.