O PP de Baiona critica o aumento do gasto “en publicidade e propaganda”

O Partido Popular de Baiona considera “un escándalo” que o alcalde “se haxa gastado en publicidade e propaganda en 2022 a friorenta de 93.000 euros, o triplo da cantidade que tiña reservada para este fin nos orzamentos, 34.000 euros”. “O mesmo ocorreu o ano anterior, 2021, cando dilapidou o dobre, 70.200 euros. En dous anos 163.200 euros en autobombo. Todo iso sen incluír a promoción da Festa da Arribada, que conta cunha partida independente”. Para 2023, ano electoral, os populares están convencidos de que “este malgasto volverá repetirse e, mesmo, dispararse, a pesar de que, novamente, a partida orzamentaria para promoción é de 34.000 euros”.

“Pero este malgaste resulta máis vergoñoso aínda cando este diñeiro pagouse á conta das familias máis necesitadas de Baiona. O orzamento do ano pasado reduciu á metade o diñeiro para Emerxencia Social, a pesar de que a situación económica era moi complicada tras a pandemia. E o de 2023 só incrementa a xa escasa partida en 2.000 euros, pasando de 20.000 a 22.000 euros, a pesar de que eles mesmos recoñecen que existe un notable incremento de casos no departamento de Servizos Sociais do Concello”, critican os populares.

“Ademais, quitáronlle sen xustificación á ONG Ayuda al Mundo Necesitado a colaboración anual en alimentos por valor de 3000 euros que permitía a esta entidade poder dar para comer aos baioneses máis vulnerables en Nadal. É insultante que o alcalde fale de orzamentos sociais, non pode mentir aos veciños”, consideran desde o grupo municipal popular, cuxos concelleiros votaron en contra dos orzamentos para 2023 no pleno ordinario celebrado no pasado xoves por consideralos “pouco realistas”.

Para o PP é “vergoñoso” que o alcalde “só pense nel, en saír nos medios de comunicación, en pagar a asesores para os que dedica máis de 30.000 euros ao ano e en tratar de venderse á conta do diñeiro de todos os veciños. Hai apenas dous meses gastouse case 8.000 euros na edición dunha revista de autobombo cunha clara intencionalidade electoral”.