Mar de Ons realizará saídas en barco desde Cangas, Vigo e Panxón para a Festa da Arribada

Naviera Mar de Ons realizará como vén sendo habitual nestas datas o servizo de transporte con motivo da celebración da Festa da Arribada de Baiona. Durante os días 4 e 5 de marzo, sábado e domingo respectivamente, a navieira ofrecerá un amplo abanico de horarios, con saídas desde Vigo, Cangas e Panxón e regresos desde Baiona pola mañá, tarde e noite para poder gozar plenamente desta festa tan especial.

“Levamos máis de 20 anos ofrecendo este servizo en colaboración co Concello de Baiona que ten por obxectivo reducir o volume de tráfico que se xera na vila durante a celebración desta festa, declarada de interese turístico internacional. O barco convértese no medio de transporte máis sostible, cómodo e rápido para acceder a Baiona”, indica Silvia Torres, responsable comercial da navieira.

O transporte marítimo permite facilitar o acceso a Baiona evitando ademais os problemas de aparcamento, sendo todo un éxito este servizo de transporte entre os visitantes que se achegan desde diferentes puntos da Ría de Vigo que escollen o barco como alternativa a outros medios de transporte.

O prezo para os billetes de adulto ida e volta será de 9,50€ desde os portos de Cangas e Vigo, e de 6€ para os nenos entre 4 e 12 anos. Os billetes de adulto con saídas desde o porto de Panxón, serán de 6,50€, ida e volta, sendo de 4,50€ os billetes para os nenos entre 4 e 12 anos. Desde calquera porto os nenos (0-3 anos) viaxarán gratis.

A venda de billetes está xa dispoñible a través da páxina web de Mar de Ons http://www.mardeons.com. A navieira recomenda a todos os interesados que consulten e reserven na web para coñecer en tempo real os horarios dispoñibles e portos de saída con destino a Baiona e deste xeito non quedar sen praza.