A Asociación Cultural Centáurea convoca unha celebración simbólica do Enterro da Sardiña

A Asociación Cultural Centáurea, de Gondomar, convoca para este mércores unha celebración simbólica do Enterro da Sardiña como reivindicación do mantemento deste evento tradicional do Entroido de Gondomar que o goberno local eliminou da programación este ano.

Centáurea lembra que o Enterro da Sardiña é unha parte do Entroido local que, tras ser recuperado logo da ditadura, se veu celebrando neste concello desde hai corenta anos de xeito só interrompido pola pandemia. Unha cita anual que, con maior ou menor éxito de convocatoria ou calidade das coplas, e a pesar dos riscos da súa institucionalización, o pobo de Gondomar foi quen de manter con independencia dos sucesivos gobernos locais.

Ante a sorpresa de non aparecer o Enterro da Sardiña no programa do Concello, desde Centáurea deciden realizar esta acción coa pretensión de dar continuidade a esta tradición de peche do Entroido no concello, aínda que sexa apenas de xeito simbólico pola présa do tempo.

Así, convocan á veciñanza toda ao velorio, que terá lugar o mércores 22 de febreiro, ás 20:30 horas no centro da Vila, na Praza das Escolas Vellas (antigo centro de saúde). A continuación, ás 21:30 horas, realizaranse a cerimonia de lectura das súas últimas vontades e as honras fúnebres.

Prégase á resentida parentela a súa asistencia de rigoroso loito e obrigada dó en sinal de respecto no acompañamento dos restos da Excelentísima Dona Sardiña, así como para asistir á lectura do seu ansiado testamento.