
Alumnado, profesorado e pais e nais do CEIP Fontes-Baíña, da EEI Agro de Baredo e o grupo de integración Ardelume realizaron este venres un pasarrúas que culminou na Praza do Concello de Baiona. Unha vez nela, o grupo de integración Ardelume, encargado de poñer música a esta actividade, interpretou algunhas pezas e os pequenos e pequenas estudantes realizaron un desfile. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, estivo a saudar ao entusiasmado alumnado e ás súas familias. Grazas á súa visita, o edificio consistorial e o casco vello de Baiona encheuse da cor e a alegría desta festa que é o Entroido.
O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que “a actividade xurdiu desde o Concello e este desfile dos nosos pequenos e pequenas foi moi especial, unha cita que todos estabamos a esperar”. Así mesmo, agradece “o entusiasmo e implicación dos profesores e profesoras, de Ardelume, e por suposto, de todo o alumnado e as familias que nos sorprenderon coas súas orixinais ideas”.