Nigrán volve a abrir o prazo de inscrición para o concurso de comparsas

O Concello de Nigrán apraza o tradicional concurso de comparsas previsto para este sábado 18 ao venres 24 de febreiro ás 21:00 horas ante a nova do falecemento de Javier Martínez Giráldez pescando en Monteferro, veciño de Parada moi coñecido en todo o municipio. O Concello abre desde hoxe venres ao martes 21 (inclusive) a posibilidade de que se inscriban novas formacións, que se sumarían ás 13 que xa o estaban.

O evento mantense exactamente igual, así, será presentado polo coñecido monologuista Pepo Suevos e contará coa animación de rúa a cargo da batucada ‘Bate no Cobre’ na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado.. O desfile, como é xa habitual, comezará ás 21:00 horas e irá por Rosalía de Castro (desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial) e o fallo e achega de premios será in-situ.

A día de hoxe (a falta deste novo prazo de inscrición) a única comparsa representante de Nigrán será a xa habitual da Asociación Cultural Parada do Miñor con “Xeada en Parada” e 67 participantes; por Gondomar estará a Asociación Políticamente Incorrectos con “O Valhalla Pode Esperar” (51 persoas), O Millor de Cada Casa de Vincios con “A maxia do cine” (56), LDanzia con “Moulin Rouge” (90), Paradela con “Homenaxe a Grease” (70) e A Merced de Chaín con “Grease” (50), Carnavales de Mañufe con “Unha comparsa pouco corrente” (54); por Baiona o Centro Cultural de Baiña con “Rock in Baíña” (65). De Vigo estará Os da Casa con “Un mundo máxico” (100) e o Centro Cultural de Valladares con “Valla-Space” (65). Desde Tomiño acudirá Luces de Tomiño con “Fantasía do Zodíaco” (80) e Revolución Show (43). Finalmente, a comparsa máis numerosa será a da Asociación de Veciños A Nosa Terra de Pereiras (Mos) con “Mos, pueblo paleta” con 108 participantes.

A programación do Concello arrancará finalmente o luns 20 de febreiro cunha festa de entroido infantil no Auditorio Municipal desde as 17:30 horas e, ao día seguinte, martes 21 desde ás 18:30 horas, organízase un baile con música en directo do trío Azar e concurso de disfraces para todos os públicos con premio para o disfrace máis simpático, máis elaborado e parella máis danzarina.

O seguinte prato estrela do entroido nigranés será a tarde do sábado 4 de marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello tirado por un carro de bois para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico “Enterro da Sardiña”, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal e co kiko tirado por un carro de bois.