
Coincidindo coas vodas de prata do club, o Vigo-Rías Baixas regresa ás súas orixes a través do equipamento para a tempada 2023. A empresa galega Zico, a firma que vestiu á entidade presidida por José Luis Chamorro durante os seus primeiros anos, volve confeccionar as pezas da estrutura olívica. Un cambio no que se mantén intacta a identidade.
O flúor, a cor que distinguiu aos corredores do Vigo-Rías Baixas durante os últimos anos, continúa sendo o predominante na indumentaria. Zico foi o provedor oficial do club ata o 2011 e agora o camiño destes dous proxectos do sur da provincia de Pontevedra volven unirse. Ademais do uniforme de competición, desde a súa sede no Porriño tamén se desenvolveu a nova roupa de paseo.
Os máis de 30 anos como fabricante de equipamentos personalizados son a mellor carta de presentación de Zico. A súa experiencia convértea nun referente no mundo do deporte e, especialmente, no ciclismo. Todo o proceso de desenvolvemento (deseño, corte, confección, bordado, estampado…) está ideado para pedalear gozando de pezas da máxima calidade.
O Vigo-Rías Baixas estreou o seu novo vestiario o pasado domingo en Portugal competindo xunto a equipos profesionais na Prova de Abertura. A partir de agora, sucederanse as citas da Copa de España, as voltas máis importantes do panorama estatal e o resto de carreiras que forman un dos calendarios máis ricos da categoría Elite-Sub23. Unha esixente tempada que os ciclistas afrontan da mellor maneira posible, con deseños Zico como segunda pel.