
O Concello de Nigrán iniciou a pasada semana baixo a dirección técnica da consultora forestal Landra e coa súa propia brigada municipal o primeiro perímetro de seguridade do futuro parque forestal “Os Matos-Río Táboas”. Trátase de 65.000 m² de masa arbórea que rodea as vivendas das zonas de A Lama e Chouzo (Camos) e Rozadas (Chandebrito) e os traballos de saneamento de toda a zona se demorarán dous meses para estar listo antes da tempada de máximo risco. Posteriormente, tras erradicar as especies invasoras (fundamentalmente acacias e eucaliptos) repoboarse con carballos, cerquiños e sobreiras, especies autóctonas que funcionan como freo ante o lume (no Chouzo chegaron a arder dúas casas no 2017).
“O parque forestal é o proxecto medioambiental máis ambicioso da comarca nas últimas décadas e estará listo en 3 anos despois de ter sorteado infinidade de complexidades administrativas que o demoraron durante case dous anos”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que tras os incendios, tanto desde o Concello como dende as comunidades de Montes de Camos e Chandebrito, acordaron poñer en valor este espazo e darlle unha función social e protectora fronte ao lume para os núcleos de poboación máis próximos. O investimento total para elo será de 400.000 €.
Tras unha primeira fase destinada á erradicación completa das especies invasoras e a realización de plantacións autóctonas, a segunda dedicarase á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petróglifos…
O proxecto
O parque natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, situarase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo comunal totalmente calcinado nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin. O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais de servir de barreira protectora fronte ao lume.
O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as plantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros. O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman. Así, todos os traballos irían destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter así o seu microclima húmido.
O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petróglifos; ou restauración do coñecido como Muíño do Medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a primeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…).
Ademais, en dúas zonas con abundante pedregosidade e afloramentos rochosos (5,7 ha) plantaranse carballos autóctonos para reter o terreo e, finalmente, nas dúas valgadas naturais existentes (1,92 ha do extremo sur e leste) reforestarase con frondosas autóctonas. Os usos produtivos estarán tamén presentes para eliminar a produción madereira de piñeiro e eucalipto por zonas de produción de castañas, noces, cogomelos e madeiras nobres.