Gondomar acolle a exposición fotográfica “Auga. O sangue da terra” de Manuel Valcárcel

Gondomar acolle a exposición fotográfica “Auga. O sangue da terra” de Manuel Valcárcel, unha iniciativa posible grazas á colaboración entre o Concello de Gondomar, ABANCA e Afundación. A mostra, de entrada libre e gratuíta, permanecerá aberta ao público ata o próximo 16 de marzo, de luns a domingo de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas na Xefatura da Policía Local. Na presentación celebrada este luns estiveron Paco Ferreira, alcalde de Gondomar, concelleiros do goberno, José Luis Romero Quiroga, coordinador institucional de ABANCA en Vigo; Ángela Rodríguez Miguens, directora de Zona de ABANCA; María Isabel Fernández Vicente, directora da oficina de ABANCA en Gondomar; e Paloma Vela, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación.

Esta mostra enmárcase no programa social “Cultura por alimentos”, que anima ao público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local. Esta proposta forma parte do proxecto “Corrente cultural”, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade. “Auga. O sangue da terra” é así mesmo unha invitación para reflexionar sobre o impacto da nosa actividade, así como sobre a necesidade perentoria de incorporar a sustentabilidade á nosa forma de vida.

Na exposición realízase un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. As imaxes están distribuídas en tres bloques. O primeiro, “Os estados da auga”, recolle fotografías tomadas en Nova Zelandia e Galicia, co río Lor como protagonista, que plasman o paso da auga en estado sólido ao líquido e, ao mesmo tempo, os engarces entre a montaña e o mar.

“A auga e a vida” conforma o segundo bloque con imaxes de dous lugares do continente asiático. Un deles é Varanasi, na India, por onde pasa o río Ganges, que forma parte da vida espiritual dos hindús e é destino sacro de peregrinación. O segundo lugar é Longshen Guilin, en China, onde o manexo da auga por parte do ser humano determinou a paisaxe. As ladeiras reconstruíronse con terrazas nas que se cultiva o arroz. “Vivindo na escaseza” é o último bloque que trata sobre a escaseza e ausencia de auga. Inclúe imaxes de Malí e os seus pescadores bozo, quen, aproveitando a época seca, recollen todo o peixe que poden no río Níxer para despois vendelo. A escaseza de auga tamén se ilustra con imaxes do deserto de Atacama, onde a seca deu lugar a unha paisaxe lunar.