
O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de Entroido, ofrece o domingo 26 de febreiro unha excursión para maiores de 65 anos empadroados no municipio á XXIV Festa do Lacón con Grelos en Cuntis con saída ás 9:45 horas e regreso ás 20:00 horas. O período de inscrición é o 15 e 16 de febreiro de 9:00 a 12:00 no Pavillón Municipal de Panxón, tendo un custe de 16 €/persoa que inclúe o transporte e o xantar deste prato tradicional. O Concello de Nigrán dispoñerá de 4 autobuses e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición (máximo dúas persoas inscritas por persoa e achegando os DNI).
A Praza da Constitución de Cuntis é o centro neurálxico desta festa. Baixo unha carpa sérvense miles de racións de lacón con grelos e filloas elaboradas ao modo tradicional. Exposicións e obradoiros promocionan a historia deste prato e o seu vínculo co Entroido, así como outras manifestacións culturais da localidade, como é o cultivo das camelias, que nesta época do ano mostran a súa mellor cara.