Presentación do último libro de Manuel Janeiro na Biblioteca de Nigrán

O alcalde de Nigrán, Juan González, presenta este venres 10 de febreiro ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Nigrán, o derradeiro libro de Manuel Janeiro “Seguí allí, escuchando a través de la puerta hasta que se hizo el silencio”, coa presencia do propio autor e da catedrática de Historia Rosa Pascual. Xuntos establecerán un coloquio posterior co público asistente.

Se se pode definir a poesía como o texto no que se lle encomenda á linguaxe a capacidade para referirse ao inefable, esta obra é un poema. Se se pode definir a novela como o desenvolvemento dun argumento por medio de personaxes e a maior ou menor intervención omnisciente dun narrador, esta obra é unha novela. Se se pode definir a autobiografía como unha confesión polo xeral enmascarada do si mesmo, esta obra é unha autobiografía. Se se pode definir o ensaio literario como a reflexión subxectiva sobre algún asunto sen a pretensión de esgotalo, esta obra é un ensaio literario… Agora ben, se o que se quere é gozar dunha obra literariamente impecable e chea de sentido, na que prevalece a emoción da memoria e a luz do tempo, merece a pena envolverse na súa lectura.