
Arranque de curso con premio para o Vigo-Rías Baixas en Portugal. Competindo xunto a equipos profesionais, a estrutura presidida por José Luis Chamorro subiu ao podio este domingo na Prova de Abertura – Região de Aveiro. O corredor flúor Miki Valls foi elixido como o máis combativo da xornada.
Os 170,9 quilómetros entre Estarreja e Ílhavo resolvéronse nun sprint masivo con Asier González como primeiro clasificado do conxunto olívico ao finalizar 26º, co mesmo tempo que o gañador Santiago Mesa (ABTF/Feirense). Entre os intentos por evitar a volata final, o de Miki Valls terminou a falta de 10 km para a conclusión. O ciclista balear, que a pasada campaña militou no Manuel Fundación profesional, deixou o seu selo nas estradas lusas.
“Viñemos adestrando ben durante a pretempada e as sensacións foron boas desde o principio”, valorou Valls tras recibir no podio a camisola branca da combatividade. O corredor elite explicou que “tiñamos o obxectivo de tentar estar diante e deixarnos ver. Non puidemos coller a escapada principal desde un principio, pero tentámolo e conseguimos liderar a carreira durante algúns quilómetros, ata que faltaban 10. En xeral, imos con boa sensacións e contentos”.
A actuación de Valls, 36º na liña meta, deu brillo á estrea de Jesús Blanco Villar e Djamel Avendaño como responsables da dirección deportiva do Vigo-Rías Baixas e exhibiu o estilo ofensivo que o equipo flúor pretende plasmar este curso sobre o asfalto. Bernat Tarrés, Alex Durrant White, Aitor Bugarín, Jordi Artigues, Miguel Marques, Cristino Lanchas e Iago Carou tamén completaron a proba.
Coa súa participación na Prova de Abertura pechou unha intensa semana de traballo na que realizou unha concentración en Baiona. O primeiro gran obxectivo do calendario chegará a finais deste mes no Circuíto Guadiana, cita que abre o calendario da Copa de España.