O Vigo-Rías Baixas estrea tempada en Portugal xunto a equipos profesionais

O Vigo-Rías Baixas levanta o pano da súa undécima campaña na categoría Elite-Sub23 este domingo en Portugal. Como colofón ao seu stage en Baiona, a estrutura presidida por José Luis Chamorro cruzará a fronteira para disputar a Prova de Abertura na rexión de Aveiro. Sete dos trece fichaxes realizados pola escuadra flúor durante os últimos meses estrearán camisola medíndose aos equipos profesionais do pelotón luso.

A carreira que inaugura o calendario 2023 no país veciño tamén supoñerá o debut do renovado staff do conxunto olívico, con Jesús Blanco Villar como director deportivo e Djamel Avendaño exercendo de coordinador. O novo corpo técnico confeccionou para a primeira cita do ano un “dez” integrado por tres ciclistas que continúan respecto á pasada campaña -Asier González, Bernat Tarrés e Cristino Lanchas- e sete incorporacións: Keegan Swirbul, Miki Valls, Aitor Bugarín, Iago Carou, Miguel Marques, Jordi Artigues e o último reforzo Alex Durrant White.

Despois de anunciar doce altas, a décimo terceira uniuse á dinámica do grupo durante a concentración en Baiona. O australiano Durrant White é un corredor elite, de 24 anos, con experiencia en Europa e que esta campaña xa competiu ao máximo nivel. A principios de xaneiro participou xunto a ciclistas profesionais no campionato de fondo na estrada do seu país natal.

A Prova de Abertura – Regiao de Aveiro ofrece un itinerario de 165 quilómetros, principalmente plano. Os que pretendan evitar un desenlace masivo ao sprint deberán aproveitar as ramplas da subida de Talhadas, a metade de percorrido. O bandeirazo de saída está fixado para as 13:00 (hora española).

Concentración

A toma de contacto coa competición chega para o Vigo-Rías Baixas tras unha convivencia de cinco días. Os adestramentos, reunións e sesións de formación combináronse con actos cos patrocinadores e as autoridades. Unha das visitas que os membros da formación flúor recibiron no Hotel Bahía foi a de Jesús Vázquez Almuiña, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo e candidato á alcaldía de Baiona. Neste encontro tamén estivo presente Ezequiel Simóns, director das instalacións que acolleron un intenso e produtivo stage.