Baiona pon en marcha unha nova edición de “Con Voz Propia”

Tras o éxito do ano pasado do programa “Con Voz Propia”, a Concellería de Igualdade a través do Centro Municipal de Información á Muller (CIM), volve apostar por esta actividade. Trátase dunha intervención psicopedagóxica na que a práctica vocal (coral e solista) utilízase para incrementar o empoderamento das mulleres. O programa desenvolverase os mércores en horario de mañá de 10:00 a 13:00 horas no Multiusos Mercado de Sabarís. A actividade comezará o vindeiro mércores 15 de marzo e estenderase ata o mércores 3 de maio.

Na metodoloxía está previsto o ensino das habilidades de base do canto, utilizando o método de Maga de Voz. Ao mesmo tempo utilizaranse moitos recursos da músico-terapia, a danza-terapia e a drama-terapia para fomentar a libre expresión, o arraigamento e empoderamento do corpo e a voz das participantes. Ademais traballarase coas letras das cancións para re-enfocar a visión do percorrido vital.

A cabalo entre a canto-terapia e a aula de música común, o programa combina as estratexias propias do ensino convencional do canto co enfoque músico-terapéutico, facendo da expresión musical un vehículo para a expresión emocional. Este proxecto parte do presuposto de que a aprendizaxe de canto, como conxunto de técnicas e habilidades vocais e musicais unidas á expresión de emocións auténticas, pode incrementar a seguridade e a confianza, axudando na descuberta e valorización de si mesmas e da/s outra/s, favorecendo a inclusión e mellorando a propia estima e realización.

“Estas accións levadas a cabo polo departamento de Igualdade supoñen pasos cara adiante na vida das mulleres de Baiona, son de axuda para reforzar a súa autoestima e coñecemento”, sinala a Concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas. Aquelas mulleres que estean interesadas poden contactar co CIM de Baiona no teléfono 986 35 75 54. Esta actividade está financiada cos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.