
A Asociación de Afectados polas Enchentes dos ríos Miñor e Zamáns bota a andar. Entre os acordos tomados esta semana pola directiva están a petición de entrevistas coas institucións ou autoridades que consideran teñen os medios para resolver o problema que lles afecta, e dende logo, para lles explicar algúns dos proxectos que xa están marcha con esa finalidade como é o caso do denominado “Drenaxe do Río Zamáns” no centro da Vila de Gondomar e que lles causa unha fonda preocupación sobre todo á veciñanza de Mañufe. “Podemos ter nas nosas casas moita máis auga, con máis forza en menos tempo para reaccionar”, advirte Antonio Araújo, presidente da Asociación. Outra das preocupacións é o sistema que consideran “arbitrario” de desaugue do encoro de Zamáns, etc. Veñen de solicitar entrevistas por escrito coa Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Vigo, co xefe da Demarcación Sur de Augas de Galicia e coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra por entender que a Foz do Miñor é competencia estatal.
“Queremos expresarlle a nosa preocupación por unhas enchentes que nunca até agora acadaran a dimensión das producidas a finais de decembro e primeiros de xaneiro, con gravísimas consecuencias nas nosas vivendas, negocios, propiedades en xeral, etc, en definitiva as nosas vidas, que nos vai custar moito tempo e recursos o poder volver á normalidade, por non falar do temor e do medo a que se volvan repetir. Somos conscientes de que os ríos Miñor e Zamáns botaron fóra sempre e de que seguirán facéndoo, outra cousa diferente son as causas que provocaron as devanditas enchentes e uns efectos tan devastadores. Na nosa opinión as causas hainas que buscar maioritariamente no estado dos citados ríos e das súas zonas de influencia: atrancos, árbores caídas, pontes cos ollos obstruídos, recheos, etc.”, sinala Araújo.
“Entendemos que ninguén mellor que nós para explicar todo isto que xa forma parte das nosas preocupacións cotiás e dos temores cando comeza a chover. En resumo, nós queremos ser parte da solución e estamos dispostos a colaborar”, conclúe o voceiro dos afectados.