Volve a Mostra de Teatro Afeccionado do Val Miñor e Oia despois de dous anos de parón

Un ano máis, despois de dous sen poder celebrala, volve a VI Mostra de Teatro Afeccionado do Val Miñor e Oia. Este ano serán 7 os grupos participantes, e as obras representaranse nas vindeiras dúas fins de semana (venres, sábado e domingo), comezando o día 3 de febreiro, co Grupo de Teatro “A Moura” do Centro Cultural A Merced de Chaín, e rematará o día 12 coas representacións, unha en sesión matutina, que será a primeira vez que se faga unha sesión de mañá, e outra pola tarde, que estarán a cargo dos grupos de adolescentes e de adultos da Aula de Teatro do Concello de Gondomar.

Nas anteriores cinco edicións comprobouse o tirón que ten o teatro afeccionado na nosa comarca, enchendo o auditorio en todas as sesións que se fixeron, por ese motivo, séguese apostando por este formato, que dá visibilidade ao traballo de cada grupo de maneira individual, e da sección de Teatro do IEM en sentido colaborativo. O Concello de Gondomar e o IEM apoian esta actividade achegando os medios técnicos necesarios dun evento destas características.