Centos de alumnos de Nigrán participan na XII Carreira Solidaria

Centos de alumnos de cinco centros educativos participaron esta mañá na XII Carreira Solidaria organizada polo CPI Arquitecto Palacios de Panxón con motivo da Semana da Paz e co fin de recadar fondos para colaborar co departamento de Servizos Sociais do Concello de Nigrán, como fan habitualmente.

Na proba, celebrada no recinto exterior do centro educativo e á que asistiu o alcalde acompañado dos concelleiros de Deportes, Educación e Igualdade, participaron ademais de alumnos do CPI, o Centro de Educación Especial de Panxón, CEE Juan María de Parada, Escola Infantil As Dunas e CEIP A Cruz de Camos. Todos, desde Infantil a 4º da ESO, correron tempos entre 3 e 10 minutos tras achegar os seus patrocinadores adultos un donativo para a causa por cada volta completada.

“Estamos moi orgullosos desta iniciativa que ano a ano promove na nosa infancia valores como a solidariedade a través da práctica deportiva, por iso damos especialmente as grazas aos docentes pola organización e alumnado e as súas familias pola súa participación imprescindible”, destaca o rexedor, Juan González.