O PSOE apoia a Carlos Gómez: “Explicarase máis pronto que tarde”

O secretario xeral de PsdG, Valentín Formoso, brinda o seu pleno apoio ao alcalde Baiona, Carlos Gómez, tras facerse público o seu encausamento por un suposto delito continuado de prevaricación e outro de falsificación documental, ao retirarse a si mesmo cinco multas de aparcamento utilizando unha tarxeta privativa presuntamente simulada.

Nun acto celebrado en Pontevedra, Formoso manifestou que o rexedor “explicará nos próximos días, máis pronto que tarde, que ocorre con esas multas”. Segundo explicou o líder autonómico, Gómez ofreceu unha versión dos feitos “radicalmente contraria á que vimos reflectida en prensa” e reiterou que confían plenamente na súa persoa. “Dará as explicacións oportunas”, manifestou Formoso mentres destacaba que o rexedor “ten un compromiso co seu pobo e probablemente dará as claves de carácter interno que expliquen o que está a ocorrer alí”.

Ademais do alcalde da vila mariñeira, o Xulgado de Instrución 2 de Vigo tamén ordenou que siga o proceso contra o axente de Policía Local que asinou a acreditación supostamente simulada, que o relaciona como cooperante no suposto ilícito.