Podemos Baiona celebrou o seu primeiro encontro aberto á veciñanza de 2023

O pasado sábado, 21 de xaneiro, o Círculo de Podemos Baiona presentou de maneira oficial ao seu candidato ás eleccións municipais, Agustín Silva Rodríguez, nun encontro aberto celebrado con motivo do noveno aniversario do partido. Militantes e simpatizantes achegáronse ao Multiusos Ángel Bedriñana para falar co candidato e coñecer mellor ao equipo que conformará a lista do partido nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. No acto, as persoas interesadas compartiron as súas preguntas e achegas co equipo municipal, que conta con tres dos impulsores da formación en Baiona: Jose Ramón Estévez, Guillermo Penas e Martín Silva. Os referentes locais lembraron as bases da formación dende aquel 2014, na mesma sala do Multiusos onde comezou a andar o Círculo de Baiona.

Foi Martín Silva quen se encargou de facer balance destes nove anos da formación e de poñer en valor todos os avances sociais impulsados por Podemos no goberno de coalición. Rosa Leyenda, responsable de feminismos, expuxo a urxencia de avanzar na creación dos centros de crise de violencia de xénero 24 horas e lamentou o desleixo do PP de Rueda por non facer nada para poñer en marcha estes proxectos en Galicia. Antía Fernández, encargada da acción social e benestar animal, explicou a importancia de implantar o método C.E.R nas colonias felinas do Concello e lembrou a necesidade da entrada en vigor da Lei de protección animal.

No encontro, o candidato destacou “a importancia de que a forza de Podemos estea presente no Concello” xa que, aínda que non tiveron representación en 2019, varias das súas propostas, concentracións sociais e requirimentos forzaron ao Equipo de Goberno a posicionarse, como sucedeu recentemente coa problemática do transporte público, tras elevar a queixa á Valedora do Pobo ou a posta en valor da Estación de arte rupestre Outeiro dos Lameiros, entre outras.

Agustín sinalou que afronta a cita electoral “co respaldo do traballo feito pola formación estes anos” e que a entrada de Podemos no Concello forzaría a poñerlle fin á “política baleira e para a foto” doutros partidos. Unha política moitas veces sen relevancia para as veciñas e veciños, onde case todo xira entorno ao turismo, sen chegar a cubrir durante todo o ano as verdadeiras necesidades da xente da vila. Nun ano clave para o partido, o candidato, Agustín Silva, apuntalará o seu proxecto, no que tratará de sumar todos os apoios posibles, tamén doutras forzas á esquerda do PSOE coas que xa iniciaron conversas, contando sempre co respaldo da militancia.