Nigrán remata os traballos de prospección de emerxencia do castro de Panxón

O Concello de Nigrán rematou esta semana o traballo de prospección de emerxencia do castro de Panxón. As fortes chuvias de finais de decembro deixaron ao descuberto o pasado romano e castrexo deste núcleo ao producirse un desprendemento de terra sobre a praia da Madorra. Ante este derrubo da ladeira noroeste e a aparición case a simple vista de milleiros de pezas, o Concello contratou de urxencia a Árbore Arqueoloxía o proxecto de investigación, prospección e estudo de materiais (previo permiso de Patrimonio). O traballo de campo de catro arqueólogos, xa finalizado, permitiu recuperar milleiros de fragmentos de cerámica de distintos períodos (fundamentalmente tellas e ánforas), muíños romanos e castrexos ou ósos de animais. Cómpre destacar que a este núcleo pertence o xa famoso mosaico romano cun motivo mariñeiro que está sendo repatriado desde EEUU ou unha coñecida ara a Mercurio.

“O sorprendente deste achado é a cantidade inxente de pezas, non a singularidade das mesmas; aparecen sen realizar o mínimo esforzo”, indica a arqueóloga Nerea Vilariño sobre os 360 m2 de superficie que se desprenderon en espazo público e que foron analizados. Esta altísima concentración apunta a que mesmo a zona se correspondese cun vertedoiro onde os seus habitantes tiraban os restos de comida ou lixo. Tras esta prospección (a primeira na Historia que se realiza sobre o castro) os restos atopados serán levados a analizar a un laboratorio especializado en materiais de época romana. Esta análise científica permitirá acoutar con maior exactitude o período de tempo no que estivo habitado este castro e posterior vila romana (actualmente se sitúa entre o S.II-III a.C, Idade de Ferro, e o IV-V d.C.).

“A maioría dos 3.700 m2 que ocupa o castro son terreo privado, como Concello puidemos actuar aquí por ser espazo público e, grazas a elo, teremos a oportunidade de coñecer máis sobre o noso pasado romano e castrexo, o que nos permitirá promocionar e divulgar mellor a importancia de Panxón, máxime cando estamos a piques de recibir o famoso mosaico do muxo”, explica o alcalde e tamén historiador, Juan González. De feito, a fase final do estudo será entregar ao Museo de Pontevedra os restos acompañados dun exhaustivo informe. “O problema deste castro situado nunha península é a propia erosión ao que o somete o mar, arrastrando con el a terra e, consecuentemente, parte do xacemento, por iso é importante aproveitar esta oportunidade para realizar estudos”, considera o rexedor.