Ainhoa Repáraz e Ricardo Cortizo proclámanse campións galegos

A Sociedade Atlética Val Miñor volve do Campionato de Galicia Absoluto e Sub-23 de Pista Cuberta, celebrado este pasado sábado día 21 en Expourense, con tres medallas e unha boa actuación colectiva dos seus atletas participantes na proba. Destacar a gran actuación de Ainhoa Repáraz e de Ricardo Cortizo, conseguindo ambos subir ao podio.

No caso da baionesa, Ainhoa por partida dobre ao proclamarse campioa de Galicia nos 200 metros lisos, en categoría absoluta e a pesar de ser unha atleta de categoría Sub-20. A esa medalla de ouro obtida na xornada de tarde, hai que sumar outra medalla neste caso de prata, nos 60 metros lisos, tamén en categoría absoluta.

Por parte de Ricardo (Richi) destacar a súa gran actuación nos 400 metros lisos, obtendo a medalla de ouro e proclamándose Campión de Galicia en categoría Sub-23, e a un paso de obter tamén a medalla de bronce en categoría absoluta.

Ambos os dous atletas estiveron ben acompañados polos seus compañeiros e compañeiras que tamén destacaron nas súas respectivas probas, mellorando na maioría dos casos as súas respectivas marcas persoais. Adrián Bernárdez e Uxía Vidal nos 60 metros lisos. Marina Prieto nos 400 metros lisos e Nadia Lia nos 1.500 metros lisos.

E a competición que non para, xa que o vindeiro sábado día 28, dispútase en Rivadavia o Campionato Xunta de Galicia de campo a través de menores, e ata alí desprazaranse atletas da Sociedade Atlética Val Miñor en busca de novos éxitos, nesta ocasión dos máis pequenos.