Presentado en FITUR o Mundial de J80 que se disputará en Baiona

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Este venres foi presentado na Feira Internacional de Turismo (FITUR) o evento náutico máis importante que se celebrará en Galicia e un dos máis importantes de España ao longo deste ano: o MUNDIAL J80 BAIONA 2023.

Baixo a organización do Monte Real Club de Yates, as Rías Baixas galegas reunirán, do 18 ao 24 de setembro, aos mellores regatistas de J80 do mundo, que se disputarán esta gran cita internacional en 80 veleiros chegados desde diferentes países dos 5 continentes.

Tras o seu paso por Dinamarca (2021) e Estados Unidos (2022), esta será a primeira vez que o campionato do mundo da clase recale en Galicia, unha comunidade que leva anos apostando por estes monotipos, cunha das frotas máis importantes de España.

Na presentación do evento, o presidente do Monte Real Club de Yates, José Luis Álvarez, dixo sentir unha mestura de orgullo e responsabilidade tras ser elixidos para organizar “unha cita tan prestixiosa, que poñerá o foco do mundo da vela en Galicia”, dixo. “Volveremos demostrar unha vez máis a capacidade do noso club para organizar grandes eventos e o potencial de Galicia para acoller competicións deportivas do máis alto nivel, ofrecendo aos visitantes unha contorna única”, asegurou.

O vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Diego Calvo, destacou na súa intervención a importancia de que Galicia conte por primeira vez con esta competición. “Baiona converterase no epicentro mundial da vela o próximo setembro e teremos unha oportunidade única para proxectar o turismo da comunidade e a capacidade de Galicia para acoller probas deportivas de primeiro nivel”, sinalou Diego Calvo. No que se refire ao turismo náutico, puxo en valor “as condicións inmellorables para a navegación e para contar con competicións como este mundial”.

A promoción turística de Galicia que se realizará cara a todo o mundo a través deste evento xunto coa desestacionalización do turismo e impulso da economía da zona foron algúns dos aspectos nos que incidiu a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, ao falar do Mundial de J80 que se celebrará en Baiona. “A nosa comunidade está estreitamente ligada ao mundo da vela, xa que levamos moitos anos celebrando numerosas competicións, polo que a celebración dun Mundial nas nosas augas é o colofón a todo o esforzo realizado tanto polo goberno galego como polos clubs náuticos e os diferentes actores do sector”, concluíu.

O Mundial de J80 Baiona 2023 chega ao Monte Real Club de Yates xusto un ano despois de acoller as prestixiosas 52 SUPER SERIES. “A pesar das notables diferenzas que existen entre unha e outra frota, e unha e outra competición, hai varios nexos de unión entre ambas que nos gustan especialmente -asegura o comodoro do MRCYB, Ignacio Sánchez Otaegui-, e é que se trata de monotipos que compiten en tempo real e con trazados curtos e intensos, nos que as probas adquiren unha gran emoción e dispútanse con gran rivalidade. O espectáculo está asegurado”.

A posta en escena desta mañá no stand de Galicia FITUR incluíu a proxección dun vídeo promocional do evento e o anuncio do lanzamento da páxina web específica para o mundial. Foi o pistoletazo de saída para unha cita que será presentada proximamente no Monte Real Club de Yates, nunha convocatoria na que se darán a coñecer todos os detalles desta gran cita náutica.

Ademais do vicepresidente da Xunta de Galicia e a directora de Turismo de Galicia, que interviñeron na presentación, no evento estiveron presentes o alcalde de Baiona, Carlos Gómez; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias; o presidente da Real Federación Española de Vela, Javier Sanz; ou o presidente da clase J80 en España, entre outras autoridades. Tamén asistiron algúns deportistas como o campión de España da clase J80, Javier Aguado.