Baiona presenta en Fitur a Festa da Arribada

O Concello de Baiona presentou esta mañá en Fitur a Festa da Arribada 2023, que se celebrará entre os días 3 e 5 de marzo de 2023. Ante o sector turístico nacional e internacional, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, destacou que a Arribada, Festa de Interese Turístico Internacional, “é a conmemoración dun fito histórico, o encontro entre dous mundos, unha fin de semana na que todos os que nos acompañan fan unha viaxe no tempo”.

“Os verdadeiros artífices e protagonistas da Arribada son os baioneses e baionesas, que tratan con moito agarimo aos que nos visitan na Festa da Arribada, demostrando que somos unha vila moi acolledora”, engadiu. Tamén na mañá de hoxe, o alcalde asistiu á presentación en Fitur do Mundial J80, a cargo do Monte Real Club de Iates de Baiona.

“Temos por diante meses de moi boas novas para o turismo e o sector servizos de Baiona, o interese mostrado estes días polo sector augura de novo un ano de récords de ocupación, non só nos meses de verán”, afirma o alcalde.