O PP acusa ao Concello de Baiona de realizar obras maiores “sen licenza” e por “intereses particulares e partidistas”

O PP de Baiona denuncia que o alcalde, o socialista Carlos Gómez, e o seu compañeiro de filas, o edil de Urbanismo Óscar Martínez, están a facer obras maiores en diferentes parroquias que non contan cos informes sectoriais nin cos permisos obrigatorios a pesar de que se están realizando con diñeiro do Concello e polos operarios municipais. Uns traballos dos que segundo os populares non existe pegada administrativa algunha no departamento de Urbanismo e que non dispoñen dos seus respectivos expedientes, tal e como obriga a lei a calquera veciño e, máis aínda, aos representantes públicos que deben legal e moralmente cumprir a normativa escrupulosamente para dar exemplo aos seus cidadáns. Polo menos dúas destas obras consumáronse “a fume de carozo e con total escurantismo” nas parroquias de Baredo e de Baíña “para pagar favores antes de que termine a lexislatura” e sen que teña constancia a oposición.

O grupo municipal popular, tras ter coñecemento disto, solicitou por rexistro acceso ao expediente o pasado dous de decembro para estudar de primeira man a documentación, pero o goberno local nunca llo permitiu. Ante esta “falta total de transparencia” coa clara intención de “obstaculizar o labor fiscalizador da oposición”, os concelleiros do PP preguntaron polo asunto no último pleno ordinario do mes de xaneiro. “O edil competente da área, o socialista Óscar Martínez, non soubo dar unha resposta coherente e o alcalde, o tamén líder do PSdeG de Baiona, Carlos Gómez, visiblemente nervioso e alterado, tratou de intimidar aos membros do PP unha vez finalizada a sesión por expor esta cuestión”, apuntan. A día de hoxe, e a pesar da súa perseveranza, os concelleiros populares continúan sen ter a información sobre unhas obras que sorprendentemente nin sequera constan en Urbanismo. “Será que teñen algo que ocultar?”, insinúan desde o PP ao comprobar, ademais, que o rexedor tamén as ocultou na súa campaña mediática.

Para o PP baionés, trátase dunha “burla” aos veciños que cumpren coa lei pedindo os seus respectivos permisos ao Concello para executar as obras nas súas propiedades privadas e pagando a taxa correspondente por iso. Tamén a aqueles que non o fan e que son sancionados por parte do departamento de Urbanismo que dirixe o PSdeG.