José Miñones traslada aos concellos as liñas de axuda do Goberno para afrontar os custes dos danos dos temporais

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, vén de trasladarlles aos alcaldes e alcaldesas dos municipios do Baixo Miño e do Val Miñor máis afectados polos temporais de vento e chuvia de finais de 2022, as diferentes vías ás que poden acudir para compensar e afrontar os gastos derivados das inundacións, no marco das liñas de axuda estatais de emerxencia e catástrofe.

O delegado do Goberno expuxo estas medidas acompañado da subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, nunha xuntanza celebrada no concello de Gondomar. José Miñones sinalou que “a declaración de zona catastrófica require duns criterios moi esixentes” e lembrou que “a Xunta, como administración competente, pode declarar a zona en situación de emerxencia e a partir de aí iniciar o reparto de axudas directas aos concellos e á veciñanza”. “Esta figura legal”, explicou, “ampara a posta en marcha de compensacións económicas naqueles escenarios que non cubre o Real Decreto 307 do Goberno, do que informei, pois tamén é unha oportunidade para facer fronte a situacións de natureza catastrófica”.

Así, o delegado do Goberno insistiu en que “o importante nestes momentos é que a Xunta declare de xeito inmediato esta zona en situación de emerxencia galega e aprobe canto antes o Decreto para establecer os criterios de reparto de axudas”.

José Miñones escoitou aos responsables municipais e compartiu a súa preocupación polos cuantiosos danos que afectaron a infraestruturas públicas e privadas ou danaron gravemente servizos e espazos, cuxa reparación é, nalgúns casos, practicamente inasumible para as economías municipais.

No encontro co delegado participaron os alcaldes e alcaldesas de Gondomar, Paco Ferreira, A Guarda, Antonio Lomba, Baiona, Carlos Gómez, O Rosal, Ánxela Fernández, Tui, Enrique Cabaleiro e Tomiño, Sandra González.