A CIG denuncia a redución do persoal de Correos na comarca do Val Miñor

A CIG-Correos Vigo denuncia a situación de perda de servizo que Correos está a provocar na comarca do Val Miñor, con decisións nas que se pon en risco o cumprimento da lei postal e do Servizo Postal Universal nunha comarca en crecemento demográfico e industrial. “A empresa pública Correos que tanto se ten gabado nos últimos tempos, de ser unha entidade comprometida co rural, reduce persoal e non ten servizo de atención ao público en horario de tarde”, afirman.

“Levan máis dunha década marchando contra corrente”, sinalan dende o sindicato CIG. Na mentres a comarca creceu máis de 1000 veciños nos últimos anos e se desenvolveron os polígonos industriais de A Pasaxe e o de Porto do Molle, Correos reduce persoal de reparto e de oficina. Isto leva a que na actualidade haxa seccións de reparto desproporcionadas, provocando que a distribución dos servizos postais non se faga con arranxo á normativa postal en vigor. Posto que hai zonas onde non se está a repartir os cinco días da semana, que recolle a lei postal. “É un escándalo que unha entidade dependente da administración sexa quen incumpre a legalidade. Sendo certa a baixada do volume de correo tradicional, que pode aducir a empresa, non é menos certo o aumento de outros produtos e servizos que Correos está a incorporar”, sinalan dende a central sindical. A redución de persoal con prazas que non se cobren provoca un desaxuste no servizo que trae consecuencias para a cidadanía e para os traballadores, que están a sufrir en determinados casos situacións de ansiedade.

Por outra parte as veciñas e veciños dos catro concellos que se atenden dende as oficinas e Unidade de Reparto do Val Miñor (Gondomar, Nigrán, Baiona e Oia), carecen dunha oficina de atención ao público en horario de tarde en toda a comarca. Outro aspecto que en ningún momento se ten en conta por parte da empresa e o crecemento estival. Así é que cando se triplica a poboación na comarca, Correos é cando máis reduce os efectivos, posto que non se cobren as vacacións de todo o persoal. A CIG reclama unha revisión da situación nesta comarca inmediata, antes de que o clima laboral e o servizo á cidadanía siga a deteriorarse máis.