Alertan da desaparición dun submarinista en Baiona e é localizado no casco vello

Localizado en bo estado un home que supostamente desaparecera mentres facía pesca submarina en Baiona. De acordo coas forzas da orde, o home foi localizado en perfecto estado de saúde no casco vello da localidade. Foron os familiares do mergullador que contactaron cos servizos de emerxencia para alertar que a última comunicación establecida con el fora ás 11:50 desta mañá. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o varón adoitaba facelo a pé, desde o areal e sen botellas.

Nada máis ter constancia dos feitos, tras recibir o aviso a través dos axentes da Policía Local preto das 19:00 horas, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizou o helicóptero de rescate Pesca 1 para rastrexar a zona na que fora visto por última vez o pescador. Ademais, o persoal do 112 Galicia pasou aviso aos axentes da Garda Civil, aos efectivos de Protección Civil de Val Miñor e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ao recibir a información acerca da localización do mergullador, que non saíra ao mar, anulouse a intervención dos medios de rescate.