O parking municipal da Ramallosa contabiliza preto de 100.000 vehículos no primeiro ano de funcionamento

O Concello de Nigrán contabilizou preto de 100.000 vehículos durante este primeiro ano de funcionamento do parking municipal 100% gratuíto da Ramallosa. O aparcadoiro aberto o 5 de xaneiro de 2022 tras 5 anos inoperativo é empregado por unha media de 250 turismos diarios e superior a 300 durante épocas como a estival ou o Nadal. O consistorio asumiu a súa xestión directa tras conseguir remunicipalizar esta infraestrutura que antes dirixía a concesionaria “Estacionamientos Valle Miñor, S.L.”, empresa liquidada e disolta no 2019.

“O balance non pode ser mellor. O emprega moitísima xente de xeito asiduo e nótase en todas as rúas da contorna coa proliferación de prazas baleiras, todo elo en beneficio do pequeno comercio ao animarse máis clientes a vir a Ramallosa e dos veciños, especialmente os usuarios da piscina porque está ao seu carón”, explica o alcalde, Juan González, sobre este aparcamento na céntrica rúa Argonautas.

O horario da infraestrutura mantense de 8:00 a 22:00 horas de luns a sábado e 100% gratuíto.

O goberno local non considerou en ningún momento outra opción que a xestión pública para que de verdade a súa apertura beneficiase económica e socialmente a todo este núcleo onde precisamente escaseaban as prazas para aparcar. “Unha concesionaria loxicamente busca facer negocio porque é unha empresa, en cambio, desde o Concello o que buscamos é un beneficio social, non o lucro: aparcamento gratuíto para toda aquela persoa que veña a Ramallosa a facer compras, recados, exercicio…”, engade o rexedor, quen menciona o Nigranbus como outro avance en mobilidade que beneficia directamente a este núcleo urbano.

A posta a punto do parking supuxo para o Concello un investimento de máis de 120.000 € nos traballos de certificación da instalación eléctrica e de seguridade, reposición da maquinaria, axuste da protección contra incendios, instalación de dúas bombas de achique para evitar inundacións na última planta, a propia limpeza de toda a superficie ou a colocación de dous cargadores para vehículos eléctricos.

O aparcadoiro súmase ao leira-parking municipal do núcleo urbano de Nigrán, tamén 100% público e gratuíto e polo que o Concello paga un aluguer de 6.137 € ao ano.

“Somos conscientes do importante que son para os núcleos urbanos as bolsas de aparcamento porque repercuten directamente no pequeno comercio e na propia calidade de vida das persoas, polo que consideramos a reapertura deste parking da Ramallosa de xeito 100% público e gratuíto un dos grandes logros deste goberno”, resume González.