Cinco persoas cumpren as súas penas con traballos en beneficio da comunidade en Chandebrito

Desde a Asociación Chandebrito 1807, no marco da colaboración co CIS de Vigo, Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias desde o ano 2011, para o cumprimento de penas con traballos en beneficio da comunidade no ámbito territorial da parroquia de Chandebrito, veñen de desenvolver durante o ano 2022 (con cinco persoas que realizaron en total algo máis de 200 horas) as seguintes actuacións na zona:

  • Limpeza e roza de superficie e das marxes dos antigos camiños do Costal das Tomadas, de Cordiñas, Casa de Couso, Tomada das Xestas, Xestal da Lapela ata o monte veciñal de Valladares, e nas Pereiras-Campo Novo-A de Rial.
  • Limpeza e roza de maleza na contorna do muíño dos Matos (sendeiro e muíño).
  • Limpeza, roza e adecuación de encoros comunais (Campiños Longos, Campiño do Medio).
  • Limpeza, e retirada de terras na fonte e lavadoiro da Lameira e limpeza na contorna da fonte da Penís.
  • Arranxo de instalación eléctrica e ampliación de iluminación no local social.
  • Recollida de lixo nas marxes e cunetas de diversas vías públicas.
  • Reparto de libros de toponimia e historia da parroquia e folletos informativos das rutas de sendeirismo.
  • Sinalización horizontal parcial do roteiro histórico etnográfico de Chandebrito, deseñado no ano 2006.
  • Tarefas de conservación e mantemento de varios indicadores de topónimos tradicionais (Campiño, Cordiñas, Albogada…)
  • Limpeza e retirada de terras e entullos do camiño medieval do Soeido.

Con estas medidas, esta Asociación, á vez que desenvolve tarefas que repercuten positivamente nos espazos públicos da parroquia sen custo económico, axuda a que as persoas de zonas próximas poidan conciliar a súa vida laboral e familiar, evitándolle o pago de multas económicas, e sobre todo, trata de contribuír á reinserción destas na sociedade.