Nigrán edita un almanaque cunha ducia de mulleres do municipio como protagonistas

O Concello de Nigrán vén de editar 1000 almanaques de mesa cunha ducia de mulleres do municipio como as grandes protagonistas de cada mes. O obxectivo é visibilizar entre toda a veciñanza o papel da muller no desenvolvemento económico, cultural e social da localidade e contribuír desde a administración local a rachar coa fenda de xénero e os seus estereotipos. Estes serán entregados a través da Oficina de Información Cidadá (planta baixa da Casa Consistorial) de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas ata esgotarse os exemplares.

As 12 mulleres posaron ante a cámara da fotógrafa nigranesa Bárbara Ceballos para ilustrar cada mes e o resultado está a vista no almanaque. Así, xaneiro abre con Natalia Rodríguez do refuxio de animais coñecido como “La isla de Tali” en San Pedro da Ramallosa; febreiro coa veciña de Camos Lucía Méndez, directora dun Centro de Día na comarca; marzo con Consuelo e Vanesa Soto, propietarias do establecemento “7 Uvas” de Nigrán; abril coa brigadista forestal de XXX Noemi Rodríguez; maio con Lorena Vilán, responsable de Prado Surf; xuño coa taxista Ángeles Hurtado; xullo coa piloto de Rally Adriana Álvarez; agosto coa tradutora audiovisual e cantautora Lucía Doval; setembro coa baloncestista de cadeira de rodas Uxía Chamorro; outubro con Raquel Gómez e Diana Muñoz da cooperativa Somos Terra; novembro coa restauradora de Parada Celia Casás e o seu equipo (Eva Costas e Alejandra Casás) e decembro coa pintora Lourdes Alonso.

“Os estereotipos de xénero seguen moi vixentes na sociedade e estas 12 mulleres, co seu papel, contribúen a que tomemos conciencia desta realidade e a que visibilicemos o traballo e esforzo extra que deben superar cada día as mulleres para acadar as súas metas”, explica o alcalde, Juan González, quen sitúa nesta liña a exposición e catálogo “Mulleres de Nigrán -1970” elaborado polo Concello e dirixido precisamente a visibilizar o papel da muller na historia do municipio grazas a imaxes nas que elas son as protagonistas.

CALENDARIO CONCELLO DE NIGRÁN