O mundo dos xoguetes será o protagonista na Gran Cabalgata de Reis de Baiona

O xoves 5 de xaneiro está previsto que as súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visiten Baiona subidos nas súas maxestosas carrozas e desfilando na Gran Cabalgata de Reis que organiza a Concellería de Cultura. Ás 17:30 horas sairá desde a rotonda da urbanización Puente Romano percorrendo as principais rúas da parroquia de Santa Cristina, pasando por Julián Valverde, Praza Victoria Cadaval, Porta do Sol e Avda. Urbana Sabarís. En Santa Marta esperaralles o grupo Bate no Cobre que abrirá o desfile. Seguiranlle as carrozas locais comezando pola preparada polo Club de Fútbol Erizana, despois a do grupo de baile “Giros” e por último a preparada polo Baíña Fútbol Sala.

Ás carrozas reais uniránselles os grupos de animación que nos levarán ao mundo dos xoguetes (temática deste Nadal) a cargo de La Fiesta Escénica, que abrirá a Comitiva Real e o grupo portugués Spirit. Seguirá o percorrido polas principais rúas da vila, pasando pola Avda. Monterreal, Alférez Barreiro, Paseo Elduayen ata chegar á confluencia da Rúa Ramón e Cajal, onde a Comitiva Real pararase e continuará a pé ata a Rúa Carabela Pinta, na que estará situado o Palco Real. Alí os Reis recibirán a todos os nenos que queiran entregarlle a carta e falar persoalmente con eles.

Para a ocasión a Concellería de Cultura reforzou a luminaria das carrozas reais grazas ao traballo dos operarios municipais cun total de 10 millóns de luces led repartidas entre as carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar. O Concello de Baiona repartirá en total uns 2.000 quilos de caramelos aptos para celíacos nos máis de 2 quilómetros de percorrido da Cabalgata.