Jesús Blanco Villar e Djamel Avendaño, novos responsables deportivos do Vigo-Rías Baixas

A mocidade e a experiencia conflúen no renovado corpo técnico do Vigo-Rías Baixas. A entidade presidida por José Luis Chamorro presentou este martes na sala de conferencias do Bufete Gándara Moure a Djamel Avendaño como coordinador e a Jesús Blanco Villar como director da persoal Elite-Sub23. Dúas incorporacións que levarán o temón deportivo dun “proxecto tremendamente ilusionante”, tal e como o definiu Gerardo Chamorro, mánager xeral do club.

Jesús Blanco Villar (Rois, 1962) é toda unha institución na historia do ciclismo galego. Corredor profesional desde 1982 a 1998, sendo unha das referencias do pelotón español na década dos 80, como director exerceu ao máis alto nivel no desaparecido Xacobeo Galicia e posteriormente no campo Elite-Sub23 ata o inicio do pasado verán. Entre todas as propostas que tiña para volver coller o volante dun equipo decantouse pola do Vigo-Rías Baixas porque “desde os inicios deste club está a verse que queren facer as cousas con seriedade e profesionalidade”.

“O ciclismo é a miña paixón desde que tiña 10 anos”, lembrou Blanco Villar, que posúe un extenso palmarés de triunfos no que destacan dúas etapas da Volta a España na súa época como corredor. A súa dedicación e carácter gañador tentará transmitirllos aos seus novos pupilos, un grupo que lle xera máxima confianza: “Temos un persoal para defendernos en todos os terreos, sen renunciar a nada. A miña ilusión é chegar ao máis alto con este equipo”.

Se a súa dilatada traxectoria serve de carta de presentación de Blanco Villar, no caso de Djamel Avendaño (O Porriño, 1985) o Vigo-Rías Baixas aposta por un puxante novo talento. Tras os éxitos cultivados como director deportivo, o porriñés asume o rol de coordinador da escuadra flúor: “Para min é un paso adiante e significa seguir crecendo”.

“En ilusión e en ganas non nos vai a gañar ninguén. Demostrámolo desde que nos puxemos a funcionar fai uns cuantos meses”, asegura Avendaño, para quen resulta “un luxo e un pracer” unirse á formación olívica e ter a oportunidade de traballar man a man con Blanco Villar. A falta de que se anuncien as últimas fichaxes, considera que o equipo estará preparado “desde o minuto un” para loitar polos seus ambiciosos obxectivos.

“Dous profesionais enormes”

Respecto ás metas marcadas para 2023, o presidente José Luis Chamorro apuntou a “a Copa de España, que aínda non gañamos” e “a ser os primeiros da clasificación española, ademais de brillar nas carreiras galegas”. O máximo responsable da entidade mostrouse moi satisfeito pola chegada ao club de “dous profesionais enormes” e nesta benvida dirixiuse a Blanco Villar para salientar que “este equipo respéctache polo que fuches, polo que es e polo que serás”.

O corpo técnico do Vigo-Rías Baixas completarao Pedro Valverde, que repetirá por segunda tempada consecutiva como director de rendemento e do equipo xuvenil. A continuidade do técnico granadino responde “á nosa aposta pola tecnificación, a innovación e a investigación”, apuntou Gerardo Chamorro, que lembrou que “somos un club pioneiro e nesa liña implantamos no noso sistema de traballo un software de adestramentos”.

Ao termo da rolda de prensa, os novos integrantes do staff e os responsables do club rubricaron os contratos, así como o código ético do equipo. O acto coa presenza de Marta Gándara Moure e de Jaime Hernández en representación do Bufete Gándara Moure.