Gondomar celebra a 40ª edición do Certame de Rondallas de Reis

Un ano máis, e xa van corenta, chega unha das citas máis destacadas no calendario. O Certame de Rondallas de Reis de Gondomar é un dos máis senlleiros e tradicionais de cantos se celebran en Galicia. Nesta edición, que se celebrará o venres 6 de xaneiro, serán un total de 13 as agrupacións que desfilarán polas rúas da Vila Condal, procedentes de toda a provincia de Pontevedra.

O espectáculo comezará ás 10:30 horas, momento no que sairá a primeira agrupación da quenda da mañá, e a partir das 16:30 horas na quenda de tarde, desfilando as 13 rondallas participantes cun intervalo de 20 minutos entre cada unha delas. Cubrirán o percorrido tradicional baixando pola rúa Eduardo Iglesias, desde onde accederán á Praza da Paradela, onde interpretarán o seu repertorio para unha vez finalizado abandonar a praza para baixar de novo por Elduayen.

Sen dúbida, coma sempre, o momento cume é o do saúdo entre rondallas que se asina co cruzamento de bandeiras entre agrupacións que, como marca a tradición, terá lugar na intersección entre a rúa Eduardo Iglesias e a rúa Elduayen.

Rondallas participantes

As participantes nesta ocasión serán Rondalla Centro Cultural Helios de Bembrive (Vigo); Rondalla Centro Cultural de Torroso (Mos); Rondalla Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios (Gondomar); Rondalla Centro Cultural A Merced de Chaín (Gondomar); Rondalla Asociación Cultural Musical de Pontellas (O Porriño); Rondalla Asociación Cultural Santiaguiño de Guizán (Mos); Rondalla Asociación Cultural de Herville (Mos); Rondalla Asociación Cultural Peña Freixo (Vigo); Rondalla Centro Cultural e Veciñal de Valladares (Vigo); Rondalla Centro Cultural de Beade (Vigo); Rondalla Mosteiro-Pexegueiro (Tui); Rondalla Santa Eulalia (Mos); e Rondalla Santiago de Parada (Nigrán).