O BNG solicita reunión de portavoces para acordar un protocolo de actuación ante futuras enchentes

O BNG solicita ao goberno local a celebración urxente dunha reunión de portavoces municipais para acordar, á maior brevidade posible e conxuntamente con representantes das persoas e sectores afectados, un protocolo de actuación ante futuras enchentes. “Trasladamos todo o noso apoio e solidariedade ás persoas afectadas polas inundacións e poñémonos a disposición para colaborar nos traballos necesarios para minimizar os seus efectos. Así llo comunicamos ao goberno local tanto o martes como o domingo”, indica a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez. Pero tamén fan público que “máis alá do que sae na prensa, descoñecemos que medidas está a tomar o goberno local diante das inundacións que se produciron na pasada semana e, o que é máis urxente, das que aínda estean por vir”.

Desde o BNG entenden que deben ter parte na elaboración e na toma de decisións das medidas a implantar para minimizar os efectos dos desbordamentos do río Miñor. Por iso, a organización nacionalista solicitou do goberno a convocatoria urxente dos grupos políticos da corporación municipal xuntamente coa veciñanza afectada, a través das presidencias das comunidades dos edificios en que habitan ou das asociacións veciñais das parroquias nas que residen, así como de titulares de comercios e negocios afectados. A finalidade desa xuntanza sería a de elaborar un protocolo de actuación que englobe unha proposta medidas a poñer en marcha de inmediato.

“Se ben compartimos a solicitude de que Gondomar poida ser declarada como zona afectada gravemente por una emerxencia de protección civil (‘zona catastrófica’), ese feito, que poderá reportar axudas económicas moi necesarias para paliar a desfeita, non vai impedir que poidan producirse novos desbordamentos”, indica Rodríguez. “E no que respecta da actuación da Xunta para reducir o risco de inundacións, aínda non comezou e ten un prazo de execución de 12 meses, polo que desde o BNG consideramos que hai que tomar outras medidas no inmediato e no curto e medio prazo”.

PROPOSTA BNG DE MEDIDAS A POÑER EN MARCHA

A) no inmediato ou curto prazo:

  • habilitar espazos gratuítos de almacenamento transitorio de aveños da veciñanza e de mercadorías dos negocios das zonas inundables
  • garantir zonas reservadas de aparcamento para os veciños de rúas ou garaxes de zonas inundables;
  • establecer sistemas de alerta e aviso á veciñanza que reside ou ten o seu negocio en zona inundable (mensaxería telefónica), e a quen ocasionalmente estacione nesa zonas (sirenas de alarma, previos ensaios);
  • sinalizar con urxencia e moita visibilidade as zonas inundables existentes no noso concello, establecendo mesmo a prohibición preventiva de aparcamento;
  • solicitar, se é que actualmente non se recibe, información meteorolóxica coa antelación suficiente para dar aviso preventivo á poboación das zonas inundables. Esta información debe ser ampliada co calendario de mareas, prestando especial atención á preamar, e coa eventual apertura de comportas da presa de Zamáns;
  • instar ao Concello de Vigo proceda ao aliviado da presa de Zamáns con antelación aos momentos de maior nivel, tendo en conta as previsións meteorolóxicas, de forma preventiva e sostida no tempo para evitar que a descarga de seguridade se produza cando máis chove e canda pleamar.
  • fixación ou re-localización dos elementos móbiles (contedores, mobiliario urbano) de xeito que se reduza o vertido de lixo durante as enchentes;
  • re-localización do transformador situado no aparcadoiro da praza para evitar novos cortes de luz por asolagamento;
  • contratación inmediata da limpeza dos ríos (para retirar natureza morta e tamén o lixo vertido nestes días), sen danar as ribeiras nin a canle (protección dos seres vivos do ecosistema fluvial)

A maiores, débese ter moi en conta a orografía de Gondomar, a influencia das mareas no noso municipio e a suba do nivel do mar, todos eles elementos aos que cómpre prestar moita atención de cara ao futuro, pois están na base deste problema endémico na nosa vila. Problema agravado cando as chuvias son tan intensas como as destes primeiros días de inverno. Non podemos ignorar estas circunstancias que se verán agravadas co tempo, por mor da propia acción humana e do cambio climático por ela provocado. De acordo con isto, consideramos que, ademais doutras medidas, cómpre realizar un estudo en que se teñan en consideración as consecuencias futuras da subida do nivel do mar e a influencia das mareas no noso concello.

B) A medio prazo

  • elaborar un plan de inundacións e a realización dun estudo que:
  • fixe o alcance da influencia da marea
  • valore o incremento do nivel do mar
  • analice as consecuencias de ambos os feitos en Gondomar, atendendo á orografía do concello
  • estabeleza zonas non edificábeis para seren incluídas no Plan Xeral
  • estime a inundabilidade das edificacións existentes e as accións precisas para lles dar alternativas de solución
  • restauración da vexetación de ribeira (ameneiros, salgueiros, freixos).