La Ocaband, Manquiña e Pepo Suevos, protagonistas en Baiona de “Un conto de Nadal”

O musical “Un conto de Nadal” chega este xoves 29 de decembro a Baiona. Será no Auditorio V Centenario a partir das 20:30 horas. “Un conto de Nadal” preséntase como o musical dun tempo no que todos nos convertemos en nenos, mozos, adultos e maiores, o tempo do Nadal. Unha gala musical que percorre as máis importantes cidades de Galicia, a modo de conto de Nadal, conducido por tres ocas situadas nun escenario de Nadal interactuando cos músicos en directo.

Un musical que estará guiado polos actores Manuel Manquiña e Pepo Suevos interactuando coas ocas virtuais. A parte musical corre a cargo de La Ocaband, que nesta ocasión centra a música nos temas máis cantados polo Nadal. Ademais contarán coa colaboración en temas principais do musical co Coro da Escola de Música de Baiona, dirixida por Gabriel Rodríguez Rodríguez, e de algún grupo folclórico.

Unha gala musical con todo o “sabor e alegría” do Nadal cun repertorio musical onde os ritmos “recordarán” estas datas tan especiais, con temas clásicos de Nadal mesturados con grandes temas de sempre.