Investigan a morte violenta dun can en “La Isla de Tali”

Cun “isto é o máis forte que me pasou na miña vida no mundo dos animais”, Natalia Rodríguez, “Tali”, encabeza un testemuño no que fai un chamamento para dar co autor ou autores do brutal desenlace que sufriu un dos cans que ten no seu refuxio da Ramallosa. Segundo asegura, na madrugada do pasado martes alguén accedería ao seu recinto para matar brutalmente a “Mel”, rompéndolle seis costelas e cravándolle unha chave de parafusos no corazón.

A pesar de que non hai testemuñas do sucedido, mantén que o informe forense elaborado tras enviar o corpo do animal a un laboratorio en Lugo non deixa lugar a dúbidas e que todas as probas realizadas apuntan a esta hipótese. “Nun primeiro momento pensei en que o seu falecemento produciuse de maneira natural, pero quixen estar segura ao 100%”, relata. O caso xa está en mans da Garda Civil que está a investigar os feitos, a pesar de todo inciden en que aínda é pronto para sacar conclusións e que estudarán detidamente os indicios para pescudar se realmente a versión da denunciante coincide co sucedido.

O vídeo publicado en redes é desgarrador e tanto as reaccións como a difusión do seu relato subiron como a escuma. “Tali”, entre prantos, solicita a colaboración de calquera persoa que vise algún movemento sospeitoso entre as 3 e as 7 da madrugada do pasado martes en todo o perímetro que rodea o illote do río Miñor, debido a que nese momento a altura da marea obrigaría a acceder coa auga pola cintura. “Pídovos que se tedes calquera dato que me poida axudar escribádesme unha mensaxe por privado. Non podemos deixar pasar por alto o que sucedeu”, conclúe. A propietaria adiantou que ademais de medidas legais tamén implementarán a seguridade do recinto instalando máis cámaras de videovixilancia.