Baiona incrementa nun 77% as prazas do programa de conciliación de Nadal

O Programa de Conciliación Nadal 2022 comezou na mañá deste venres con 46 participantes. Organizado pola Concellería de Igualdade celebrarase ata o 5 de xaneiro no CPI Cova Terreña. O programa desenvólvese de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas e concíbese coma un espazo educativo de promoción do lecer, constituíndose nun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións escolares do Nadal, no que se traballarán os valores de igualdade, solidariedade e convivencia dende unha perspectiva de xénero.

Yasmina Moreira Costas, responsable da área de Igualdade, sinala que “este ano a demanda do servizo sufriu un incremento notable dun 77% respecto ao ano pasado. Nun primeiro momento ofertamos 36 prazas, que foron insuficientes para dar resposta ás necesidades das familias, polo que tivemos que ampliar a 46 fronte as 26 que se ocuparon na edición de Nadal de 2021”.

Das familias que demandaron o servicio, o 58,06% reside na parroquia de Baiona, o 22,58% en Baíña, o 9,68 % en Baredo, o 6,45% en Sabarís e o 3,23% reside en municipios da comarca, pero teñen os fillos e fillas escolarizados nun centro educativo en Baiona. Si consideramos a idade dos e das menores participantes, a franxa máis demandada é a de entre 3 e 5 anos que supón un 43,48% fronte ao 34,78% de menores que teñan entre 6 e 8 anos e a franxa con menos demanda é a de entre 9 e 11 anos de idade que supón un 21,74%.