Vegalsa-Eroski doa a Cruz Vermella Galicia 20.000 € para a protección da infancia en risco de exclusión social

Co obxectivo de contribuír ao labor social que Cruz Vermella desenvolve en Galicia, a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski doa 20.000 euros destinados a accións vinculadas coa protección da infancia en risco de exclusión social. O acto de entrega do cheque á entidade tivo lugar este mércores no supermercado Eroski Center de Vioño, na Coruña, e contou coa presenza da directora de Sustentabilidade e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González e do secretario autonómico de Cruz Vermella en Galicia, Marcos Gómez Paz.

“Garantir o benestar e a protección dos dereitos da infancia é un compromiso da nosa sociedade, pero tamén é unha condición esencial para cumprir coa Axenda 2030 e alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible sen deixar a ninguén atrás. Como empresa socialmente responsable, en Vegalsa-Eroski queremos contribuír á consecución deste obxectivo fortalecendo a nosa colaboración con Cruz Vermella para traballar xuntos na redución de desigualdades entre os nenos e nenas en risco de exclusión social na nosa Comunidade”, explica Gabriela González acerca desta acción.

O secretario autonómico de Cruz Vermella en Galicia, pola súa banda, agradeceu a Vegalsa-Eroski a súa colaboración e fixo referencia ás iniciativas que a compañía apoiou historicamente. “Sempre co obxectivo de contribuír á inclusión das persoas en situación de vulnerabilidade social. O compromiso e a axuda do tecido empresarial é fundamental para que desde Cruz Vermella podamos facer posible a xeración de oportunidades e a cobertura de necesidades das persoas coas que traballamos día a día”, subliñou Marcos Gómez Paz.

Esta iniciativa súmase ás accións cooperativas que ao longo dos anos desenvolveron ambas as dúas organizacións en favor das persoas máis vulnerables. Exemplo diso son as actividades levadas a cabo o pasado ano, como a venda de 2.500 bolsas “tote bags” solidarias e os receitarios “Los peques a la mesa” en establecementos Eroski e Autoservizos Familia, recadando diñeiro para o proxecto de Promoción do Éxito Escolar de Cruz Vermella. Destaca tamén a alianza para o fomento do emprego e a inserción laboral a través dun convenio renovado o pasado ano, polo que máis de 150 usuarios de Cruz Vermella participaron neste plan e sumáronse máis de 40 persoas ao persoal de Vegalsa-Eroski.