O BNG de Baiona non comparte a creación dunha especie de xornal municipal

Iago Pereira, portavoz do BNG e membro do goberno do Concello de Baiona, vén de declarar o descoñecemento que tiña da tirada do xornal municipal: “Tiñamos un total descoñecemento de que se estaba a crear un xornal municipal. Ninguén nos comunicou nada. A pesares de dar conta de parte do traballo feito pola Concellaría de Igualdade, dirixida polo BNG”.

O Bloque Nacionalista Galego en Baiona vén de amosar o rexeitamento a que se gasten cartos da veciñanza de Baiona na edición e reparto dunha especie de xornal municipal. Unha serie de 24 follas nas que non figura quen edita, dirixe, redacta e nin tan sequera a quen dirixirse para comunicar co suposto xornal.

A parte de todos estes defectos técnicos, xurídicos e administrativos, engadir que se dedica unha folla a unha “Carta do Alcalde” e outra, encabezada como “Entrevista”, que non é máis que unha entrevista ao Alcalde de Baiona, Carlos Gómez.

“A pesares de non estar de acordo coa edición desta especie de xornal, entendemos que, de facelo, deberan ter o seu espazo correspondente todos os grupos municipais con representación no Plenario do Concello de Baiona xa que somos a representación institucional e política de toda a veciñanza”, rematou o portavoz nacionalista.