O Vigo-Rías Baixas aposta pola proxección de Sergio Quevedo

Recrutar novos talentos é unha das máximas aplicadas polo Vigo-Rías Baixas para o seu novo proxecto e a ese perfil de corredor responde a súa oitava fichaxe. O madrileño Sergio Quevedo estrearase como ciclista Sub23 nas filas da estrutura presidida por José Luis Chamorro. Trátase da sexta incorporación do conxunto flúor que procede da categoría Júnior.

O novo integrante do persoal olívico defendeu durante as súas dúas tempadas como xuvenil as cores do Ciudad de Talavera, destacando pola súa regularidade. Sergio Quevedo acumulou postos de top-10 en carreiras que reúnen ás principais promesas do pelotón júnior como a Challenge La Subbética, o Memorial José Luis Junco e a Challenge de Carballo. No esixente calendario portugués tamén deu mostras da súa proxección cunha destacada actuación na Volta ao Concelho de Loulé.

O Vigo-Rías Baixas seguiu moi de preto o seu rendemento e “pola confianza que me deron desde o primeiro día que estivemos en contacto” o corredor de 18 anos aceptou a proposta flúor. Respecto á escuadra coa que acaba de comprometerse tamén subliña “a profesionalidade de todos os técnicos e do resto do staff, o trato que ten cos seus ciclistas e o amplo calendario que ofrece”.

As sesións de adestramento individuais para a próxima campaña xa empezaron e Sergio Quevedo afronta o 2023 mentalizado para “seguir progresando, adaptarme o mellor posible á categoría e axudar en todo o que poida ao equipo”.

Xunto ao ciclista da Comunidade de Madrid tamén van descubrir o calendario elite-sub23 Iago Carou, Joan Cadena, Jordi Artigues, José Pérez e Pelayo Alonso. Os seis debutantes compartirán persoal con sete corredores que renovaron, con dous reforzos chegados desde o pelotón profesional -Keegan Swirbul e Miki Valls-, e con varias altas máis que concretaranse nas próximas semanas.